Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro respóndelles ás xuventudes que xa se están producindo cambios no PSdeG

Besteiro respóndelles ás xuventudes que xa se están producindo cambios no PSdeG

Asegura que a proximidade da formación é cada vez maior ante as necesidades dos máis novos

G24.gal 10/02/2025 15:47 Última actualización 10/02/2025 16:07

O secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, tras as críticas das Xuventudes Socialistas de Galicia, asegurou que as mocidades socialistas representan "unha parte moi importante" na aposta de futuro do partido e destacou que os cambios "xa se están producindo".

Ademais, aproveitou para reivindicar que a proximidade da formación "é cada vez maior" ante as "necesidades" dos máis novos, desde o acceso á vivenda ata o acceso aos servizos públicos.

Así se manifestou ante as preguntas dos medios despois de que as Xuventudes Socialistas de Galicia criticasen a "desconexión" do PSdeG polo que cualifican dunha "comodidade paternalista" durante os últimos 15 anos.

A organización xuvenil do PSdeG informou nun comunicado dunha reunión mantida na xornada do domingo, na que debateron as máis de 100 emendas que presentarán no XV Congreso do PSdeG a un relatorio que consideran que "evidencia demasiada ambigüidade".

"Eses cambios están a producirse en moitos ámbitos de acción política, na vivenda, na dependencia, nesa aproximación a esa mocidade que tantos problemas ten e que tanta desigualdade sofre. A proximidade do partido é cada vez maior ante estas necesidades e iso é polo que apostamos no futuro Congreso e o que estamos a facer a diario dentro do PSdeG", reivindicou Besteiro.

Con todo, as mocidades socialistas aproveitaron para avisar da "urxencia dun cambio xeracional profundo para a supervivencia do partido" e sinalaron que "a imaxe dun partido non pode ser a dunha elite avellentada, a mocidade tamén é a realidade de Galicia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade