Betanzos premia a Dolores Vázquez, a muller que probou a súa inocencia tras 17 meses no cárcere
Na década dos 90 pasasou 519 días en prisión polo caso da morte de Rocío Wanninkof
Dolores Vázquez di que non garda "rancor a ninguén" pero que necesita que o "Goberno lle pida perdón"
Este domingo recibiu o XVII Premio Úrsula Meléndez de Texeda do Concello de Betanzos
Dolores Vázquez é a muller que a finais da década dos 90, ata que puido probar a súa inocencia, pasou 519 días en prisión acusada do crime da moza malagueña de 19 anos Rocío Wanninkof. Agora di que desexa que o Estado, a través do Goberno, lle pida xa "perdón" por todo ese tempo que pasou privada de liberdade.
Este domingo en Betanzos, Dolores dixo que necesita esa desculpa aínda que non garde "rancor a ninguén". Betanzos é o concello no que vive desde desde hai sete anos e onde este domingo recibiu o XVII Premio Úrsula Meléndez de Texeda que o Concello outorga en recoñecemento a quen, de maneira colectiva ou individual, coa súa actividade ou a súa actitude ante a vida, sementasen con feitos o avance da igualdade.
Condenada a 15 anos de prisión
Quince anos de cárcere son os que lle chegou a impoñer a Audiencia Provincial. Pero en febreiro de 2002 o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía ordenou a repetición do xuízo, Vázquez foi posta en liberdade con fianza e o Tribunal Supremo confirmouna ao entender que a súa condena non estaba motivada dabondo.
O Ministerio de Xustiza recoñeceu en xaneiro de 2008 que Dolores Vázquez fora vítima dun erro que a fixo ser condenada erroneamente e propúxolle unha compensación de 120.000 euros, unha cantidade moi afastada dos catro millóns que ela esixía.
As indemnizacións para casos como o seu quedaron restrinxidas en novembro de 2010 debido a unha doutrina do Tribunal Supremo.
"Necesito que o Goberno me pida perdón", houbo "desculpas" do pobo pero non dos poderes do Estado, "ese perdón oficial tería que chegar, por non dicir outras cousas máis", comentou aos medios de comunicación Dolores Vázquez, unha muller, que prefire que lle chamen Loli, Lolita ou mesmo Meniña, cos nomes cos que sempre lle chamaron na súa casa, na súa familia. Deseguido, desvelou Loli que o seu nome é en honra de María Dolores Pradera.
Nun discurso improvisado, recoñeceu Dolores Vázquez que cando a chamaron do Concello pensou que fixera algo mal. Nun ton moi baixiño, contou que o premio a fai moi feliz e que lle chega nun bo momento da súa vida e convidou a outras zonas de España a recoñecer o seu erro.
"O que me dean, ben recibido, pero bo, non me darán nada", deixou caer.
Agradeceu enormemente o xesto da súa localidade natal: "Estiven desexando que chegase este momento" e ver unha sala "chea de amor, cheíña de amor".
A alcaldesa, María Barral, indicou que "recoñecer, honrar e sobre todo pedir perdón" debera facerse hai moito tempo. Cargou contra un sistema que en lugar de amparala condenouna "sen probas" e contra a sociedade "terriblemente inxusta" da que Loli, a irmá de Carmiña e Elvira, foi vítima.
"Os poderes do Estado non estiveron ao teu lado e seguen sen estar á altura. Perdón", trasladou a rexedora, que confesou a admiración que sente pola fortaleza, enteireza e dignidade desta veciña.