Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden anuncia que non se presenta á reelección como presidente dos Estados Unidos

Biden anuncia que non se presenta á reelección como presidente dos Estados Unidos

Renuncia a renovar o seu mandato na Casa Branca, despois de semanas de presións

O demócrata dáse por vencido cunha mensaxe nas redes sociais

Nunha segunda publicación en X dirixida aos demócratas, anunciou o seu apoio á candidatura de Kamala Harris para sucedelo

Trump celebra a retirada de Biden e cre que será máis doado derrotar a Kamala Harris

Joe Biden e Kamala Harris nun mitin nos Estados Unidos Joe Biden e Kamala Harris nun mitin nos Estados Unidos
G24.gal 21/07/2024 20:01 Última actualización 21/07/2024 22:07

O presidente estadounidense Joe Biden decidiu este domingo abandonar a carreira á reelección, polo interese do seu partido e do país, informou a través dunha carta.

Nunha publicación nas redes sociais, o demócrata dáse por vencido a menos de catro meses das elecccións e tras intensas presións por parte de membros destacados do seu partido, como Barack Obama, congresistas e senadores e mais doadores, entre eles, algún actor, como George Clooney.

"Aos meus compatriotas", comeza a mensaxe. "Nos últimos tres anos e medio fixemos grandes progresos como nación".

Biden resume algúns deses logros: a economía estadounidense, asegura, é a máis forte do mundo; no seu mandato baixouse o prezo dos medicamentos e aumentaron as prestacións sanitarias; saíu adiante a primeira lei para o control de armas en trinta anos, e o Tribunal Supremo escolleu a primeira afroamericana da súa historia.

Nada de todo iso acabou sendo suficiente para que os seus afrouxasen a presión exercida desde o debate para forzar a súa renuncia, en vista de que case todas as enquisas daban a menos de catro meses das eleccións unha vitoria de Trump nas urnas.

O presidente estadounidense Joe Biden non lle deu este domingo nun primeiro momento o seu apoio explícito á vicepresidenta Kamala Harris como a súa substituta para as eleccións do próximo 5 de novembro. Na carta pública en que o mandatario anunciou que abandona a súa propia carreira á reelección, Biden, de 81 anos, só agradeceu a Harris ser "unha extraordinaria compañeira" neste proceso electoral.

Nunha segunda publicación en X dirixida aos demócratas, anunciou aos poucos minutos que apoiaba a candidatura da vicepresidenta Kamala Harris para sucedelo na campaña.

Foron case catro semanas de dúbidas sobre as súas aptitudes físicas e mentais para continuar catro anos máis na Casa Branca, e de presións en crescendo, en público e en privado, de doantes, estrategas, analistas, medios de comunicación, senadores, congresistas e dos seus líderes en ambas as Cámaras Chuck Schumer e Hakeem Jeffries, e tamén de figuras tutelares do Partido Demócrata, como Nancy Pelosi ou o expresidente Barack Obama.

Iso si, a incógnita máis urxente parece resolta: Kamala Harris será a escollida polo partido para sucedelo na papeleta de novembro, aínda non está claro acompañada por quen.

En 2020 fixo campaña Biden presentándose como unha "mera ponte" ás novas xeracións. Pero mudou de idea cando bateu a marca do presidente máis lonxevo dos Estados Unidos e en abril de 2023 lanzou a súa candidatura para renovar como líder da primeira potencia mundial este próximo novembro fronte a Trump.

As dúbidas tras un nefasto debate con Donald Trump e as intensas presións nas últimas semanas desembocan agora nesta decisión.

A primeira dama, Jill Biden, reaccionou á carta publicada en X con corazóns, mentres que varios demócratas influentes reaccionaron positivamente á decisión do presidente e expresaron a necesidade de derrotar a Trump en novembro.

O presidente do Goberno español Pedro Sánchez enxalza a "valente" decisión de Biden: "Un gran xesto dun gran presidente".

O xefe do Executivo español quixo trasladarlle a Biden toda a súa "admiración e recoñecemento" pola súa renuncia á reelección, e fíxoo a través dunha mensaxe na rede social X.

"Un gran xesto dun gran presidente que sempre loitou pola democracia e a liberdade", aseverou Sánchez.

O presidente do Goberno agradeceu a Biden a súa "determinación e liderado", que permitiron que os Estados Unidos superasen "a crise económica tras as pandemia e o grave asalto ao Capitolio". Ademais, subliñou o "exemplar" apoio de Biden a Ucraína ante a invasión rusa de Putin.

Outro dos primeiros en pronunciarse foi o primeiro ministro polaco. Donald Tusk dixo que o presidente dos EUA Joe Biden, quen decidiu este domingo abandonar a carreira á reelección, fixo a Polonia, ao seu propio país e ao mundo máis seguros e á democracia máis forte, e mostrouse convencido de que ao anunciar a súa renuncia se guiou polo mesmo propósito.

O Kremlin asegura que para Rusia, en relación coa decisión do presidente dos Estados Unidos Joe Biden de retirar a súa candidatura,  a prioridade é a guerra, non as eleccións nos Estados Unidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade