Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bloquean o acceso a Navantia Ferrol polos incumprimentos nas empresas auxiliares

Bloquean o acceso a Navantia Ferrol polos incumprimentos nas empresas auxiliares

Piden que apliquen o convenio colectivo do sector da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña dentro destas instalacións

EFE/ Kiko Delgado
G24.gal 20/09/2023 09:12

Delegados da industria auxiliar co apoio das federacións de industria dos sindicatos CIG, CCOO, UXT, MAIS e CXT, ademais de integrantes do comité de empresa de Navantia Ferrol, impediron na mañá deste mércores o acceso a estas instalacións industriais dos operarios de catro compañías, ao acusar á dirección das mesmas de non aplicar o convenio colectivo aos seus traballadores, o que supón unha rebaixa salarial.

O secretario comarcal de CIG-Industria en Ferrol, Vicente Vidal, destacou que xa a mediados de xullo mantiveron un encontro con empresarios da industrial auxiliar no que lles comunicaron que tomaban "a decisión, dunha vez por todas, de ser inflexibles" e que cando detectasen que algunha empresa incumpría co convenio de aplicación, ían impedir " a entrada do seu persoal", algo que fixeron este mércores.

Impedíuselles o acceso ás empresas "Kaefer, Gabadi e Moncina, que son as dúas do mesmo grupo, e M Blanco", esta acción repetirase "a semana que vén", na que posiblemente se desprazarán a Fene, e logo volverán repetir en Ferrol.

Vidal advertiu de que "se estas empresas corrixen, entrarán; se non cambian, non entrarán", alertando de que "hai máis empresas que tamén están na mesma situación, ou peores, e a medida que se vaian coñecendo, van parar "na entrada". Segundo recalcou, esta medida de presión "non ten marcha atrás, e Navantia ten a oportunidade de poñer orde na industria auxiliar dentro".

Respectar os convenios

O representante da CIG, que exerceu de voceiro do resto de sindicatos, detallou que hai que "conseguir que as empresas, como mínimo apliquen o convenio colectivo do sector da industria siderometalúrxica da provincia da Coruña dentro destas instalacións, e o de servizos, pagará servizos, pero o que é de aceiros, vai ter que pagar aceiros".

Ademais, Vidal tamén mostrou o seu rexeitamento "cara á xefa de recursos humanos da empresa Gabadi, ameazando, coaccionando durante dúas horas, aos seus traballadores, chamando á Policía Nacional, para que entrasen, ou sexa, para pasar por encima deste piquete informativo", algo que, recalcou, non van consentir".

Desde o ámbito sindical tamén se emprazou á dirección de Navantia a que tome cartas neste asunto. "Estamos firmes, non nos treme o pulso, e que podemos estar aquí o tempo que faga falta, hoxe parouse a catro compañías, mañá poden ser catro ou seis", indicou o representante dos traballadores, que advertiron a Navantia de que "está nas súas mans, que chamen aos empresarios, que lles digan claramente que teñen que pagar, que se encadren ben na actividade que fan cada un, e que cumpran".

Por último, Vidal apuntou que os sindicatos teñen "as ferramentas para saber que empresas pagan e que empresas non pagan por convenio", e que se é necesario aplicar medidas máis drásticas, como convocar folga e "paralizar as portas de Navantia", farase. "Mesmo traballo, mesma actividade, mesmo convenio, mesmo salario", dixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade