Bonmatí ou Putellas amadriñan o regreso á elite do Deportivo Abanca
Bonmatí ou Putellas amadriñan o regreso á elite do Deportivo Abanca
O Barcelona, o mellor equipo do mundo na última temporada, será o rival que lle dea a benvida ao cadro coruñés no seu regreso á Primeira División
Comeza a temporada do Deportivo feminino. Regresa este sábado (18:00 horas, Riazor) á máxima categoría e na xornada inaugural recibe nada máis e nada menos que o Barcelona, probablemente o mellor equipo do mundo. Ese é o desafío da formación que dirixe Irene Ferreras. Medirse aos grandes e consolidarse na categoría.
Sen dúbida será un partido atractivo ante un rival poderoso. O Barcelona de Aitana Bonmatí e Alexia Putellas gañouno todo a temporada pasada: Liga, Copa, Supercopa e Champions. Este ano cun novo adestrador, Pere Romeu, tras a marcha do vigués Jonathan Giráldez, tentarán repetir eses éxitos.