Publicador de contidos
Publicador de contidos

Borja San Ramón deixa a dirección de Podemos Galicia e aposta por Faraldo para o cargo

Borja San Ramón deixa a dirección de Podemos Galicia e aposta por Faraldo para o cargo

Cre necesario dar estabilidade a un proxecto que os devolva ás institucións galegas

A dirección valora o traballo realizado por Isabel Faraldo nas eleccións autonómicas

G24.gal 03/03/2024 21:08

Este domingo o coordinador de Podemos Galicia Borja San Ramón anunciou no Consello Cidadán Galego que non se presentará ao vindeiro congreso da formación e amosou a súa aposta por Isabel Faraldo, a candidata do partido no 18 de febreiro.

O líder da formación morada galega puxo en valor o "compromiso claro de dar continuidade ao traballo político iniciado por esta dirección na campaña electoral e desenvolver un proxecto do que Isabel Faraldo sexa a principal cara visible".

A actual dirección valora o traballo realizado pola aspirante ás eleccións autonómicas, a pesar de que remataran sen representación no Parlamento galego.

Podemos Galicia destaca o "magnífico papel desempeñado por Isabel no debate de CRTVG" e a necesidade de visibilizar a súa figura para desenvolver e dar estabilidade a un proxecto que os devolva ás institucións galegas.

Fontes da organización destacan que este "é o momento de dar estabilidade e fortalecer a organización de Podemos Galicia para poder abrir un ciclo político que permita ao partido traballar en liña co rumbo tomado".

“Nesta campaña activouse e sacou a relucir a militancia con pura forza e ​​convicción nos nosos principios, que foi capaz de xerar experiencia e equipos de traballo nesta primeira vez que nos presentamos en Galicia coa marca Podemos, que nos permite construír cara ao futuro”, aseguraron no partido.

A formación morada asumirá unha reestruturación do seu Executivo nos vindeiros días para facer fronte a un novo ciclo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade