Publicador de contidos
Publicador de contidos

Faraldo: "Para que haxa o cambio que non houbo, necesítase un Podemos forte"

Faraldo: "Para que haxa o cambio que non houbo, necesítase un Podemos forte"

Podemos obtivo un 0,25 % dos votos nas eleccións autonómicas galegas

 Emocionada, agradeceu o traballo dunha militancia que definiu como incansable

G24.gal 18/02/2024 22:35

A candidata de Podemos á Presidencia da Xunta Isabel Faraldo manifestou este domingo, tras non lograr representación no Parlamento de Galicia, que "sen un Podemos forte non hai cambio e anticipou que "hoxe non acaba nada, hoxe empeza todo".

Tras obter un 0,25 % dos votos nas eleccións autonómicas galegas, a que a militancia do partido decidiu concorrer fóra de Sumar, que non alcanzou o 2 %, Faraldo compareceu ante os medios para lembrar que desde o principio soubo que era "un escenario moi difícil".

"Chegamos nunha situación moi forte para eles (o PP) e moi débil para nós por moitísimas cuestións", sostivo. O resultado electoral, con maioría absoluta para o PPdeG, mostra, na súa opinión, que "para que haxa o cambio que non houbo, necesítase un Podemos forte; sen un Podemos forte non hai cambios".

"A pesar do esforzo que fixo o electorado progresista para concentrar o voto no BNG, non foi suficiente (...) Tristemente é o gran fracaso", proseguiu. Por iso defendeu que o que "ensinou esta campaña" é que "é necesario fortalecer o proxecto de Podemos". "Hoxe non acaba nada, hoxe empeza todo, non o esquezades", dixo entre aplausos e berros de "Si, pódese!" dos presentes, entre os que estaba o líder de Podemos Galicia, Borja San Ramón, con quen se fundiu nun abrazo.

Comprometeu traballo para "construír organización, analizar os erros e seguir traballando pola poboación máis vulnerable". Emocionada, agradeceu o traballo dunha militancia que definiu como incansable e despediu a noite entre mostras de agarimo das varias decenas de presentes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade