Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bota a andar o cumio do clima na cidade exipcia de Sharm el Sheikh

Bota a andar o cumio do clima na cidade exipcia de Sharm el Sheikh

O maior evento global para abordar a crise climática céntrase no financiamento dos países menos desenvolvidos

O cumio do clima desenvólvese en Exipto ata o 18 de novembro
G24.gal 06/11/2022 08:44 Última actualización 06/11/2022 14:39

O cumio celébrase na cidade turística de Sharm el Sheikh. Serán trece días para abordar os desafíos climáticos, co auspicio da ONU. Agárdanse 40.000 asistentes: expertos, activistas e políticos. Está confirmada a presenza de máis dun cento de xefes de Estado.

Pero as previsións non son optimistas. A situación xeopolítica escurece a posibilidade de chegar a pactos de calado. Ademais o encontro arranca con polémica polas restricións de Exipto ás mobilizacións sociais, contrapeso das negociacións noutros cumios. Activistas como Greta Thunberg optaron por non ir.

Exipto di que acusalos de usar o evento para lavar a súa imaxe de réxime autoritario só serve para restarlle importancia á emerxencia climática. O ministro de Exteriores e presidente do cumio asegurou que o país non vai escatimar esforzos para contribuír ao éxito da xuntanza.

España acudirá co reto de baixar as súas emisións á metade en nove anos e á fronte, xunto ao Senegal, dunha proposta de acordo contra a desertización.

Agárdase que a gran maioría de mandatarios participen no chamado cume de implementación, que se celebrará o 7 e 8 de novembro.

Perdas e danos

O resto, ata o 18 de novembro, estará dividido por bloques temáticos, coa auga como novidade. Tamén se celebrarán talleres, mesas redondas e conversas, poñendo o foco nas perdas e danos causados polo cambio climático. 

Un gran número de países, sobre todo do sur, avogaron o ano pasado por crear un fondo de financiamento dedicado a este fin, pero algunhas nacións desenvolvidas, coma os Estados Unidos, rexeitaron a medida.

Ademais, traballarase no avance da redución dos gases de efecto invernadoiro, un asunto crucial tendo en conta que poderían causar un aumento na temperatura da Terra de 2,8 graos centígrados de aquí a finais de século respecto á era preindustrial.

Para evitalo, habería que reforzar as actuais políticas climáticas, aínda moi por baixo dos obxectivos do Acordo de París de 2015, que buscan limitar a suba da temperatura a menos de 2 graos e, idealmente, a 1,5, segundo advertiu a ONU hai unha semana.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade