Publicador de contidos
Publicador de contidos

Obxectivo da COP29: aumentar o financiamento dispoñible para afrontar os desafíos climáticos

Obxectivo da COP29: aumentar o financiamento dispoñible para afrontar os desafíos climáticos

A COP29 buscará consensos para alcanzar o Novo Obxectivo Colectivo Cuantificado ou o incremento do Fondo de Perdas e Danos de apoio aos países máis vulnerables, pero tamén para regular os mercados de carbono

Negociadores climáticos temen o regreso de Trump á Casa Branca porque durante a súa primeira presidencia alegou que o Acordo de París poñía en "permanente desvantaxe a economía e os traballadores estadounidenses"

G24.gal 11/11/2024 08:18

Hoxe luns arrinca en Bakú, capital de Azerbaixán, a COP29, con importantes ausencias confirmadas e co principal obxectivo de incrementar o financiamento dispoñible para afrontar os desafíos climáticos e limitar o aumento da temperatura global por baixo de 1,5 ºC.

A ONU é a principal impulsora da Conferencia das Partes (COP) como órgano supremo da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático, que reunirá os case dous centos de Partes ou delegacións dos países en arduas negociacións, que, como cada ano, contarán cun foro paralelo de empresas, asociacións e ONG implicadas na materia.

O cumio climático deste ano inicia os seus traballos apenas dez días despois de que finalizase a da biodiversidade (COP16) na cidade colombiana de Cali e coa vista posta na de loita contra a desertización (tamén será COP16) na capital saudita, Riad, a partir do próximo 2 de decembro.

Estas tres citas constitúen as máis importantes no calendario ambiental da ONU para 2024, aínda que a COP29 é a máis significativa pola súa implicación financeira: o propio secretario xeral da organización, Antònio Guterres, pediu un "aumento enorme" das cantidades achegadas polos países desenvolvidos para afrontar a "catástrofe climática".

A COP29 buscará consensos para alcanzar o Novo Obxectivo Colectivo Cuantificado ou o incremento do Fondo de Perdas e Danos de apoio aos países máis vulnerables, pero tamén para regular os mercados de carbono ou impulsar a progresiva substitución dos combustibles fósiles polas enerxías renovables.

Ausencias

Un centenar de xefes de Estado e de Goberno confirmaron a súa presenza neste cumio, pero os principais líderes mundiais brillarán pola súa ausencia por culpa dos seus intereses políticos, económicos e financeiros nacionais e por varios conflitos internacionais.

Non estará o presidente saínte dos EUA Joe Biden, cun Partido Demócrata roto tras a súa derrota nos recentes comicios presidenciais, nin o seu sucesor recentemente elixido, Donald Trump, cuxas posicións críticas fronte ao cambio climático son coñecidas, polo que a delegación estadounidense estará encabezada polo principal asesor climático en Washington John Podesta.

Negociadores climáticos temen o regreso de Trump á Casa Branca, porque durante a súa primeira presidencia alegou que o Acordo de París poñía en "permanente desvantaxe a economía e os traballadores estadounidenses" e retirou oficialmente os EUA, aínda que non puido facelo legalmente ata novembro de 2020 e, apenas uns meses despois, Biden, o gañador das seguintes eleccións, reincorporou o país como unha das Partes.

Tampouco asistirá o presidente ruso Vladimir Putin, ausente de diversos foros internacionais pola guerra entre Rusia e Ucraína, que enviará o seu primeiro ministro Mikhail Mishustin. Ausencias igualmente destacadas serán as do presidente da China Xi Jinping e do Brasil Luís Inácio Lula da Silva, aínda que ambos participarán no cumio do G20 en Río de Xaneiro do 18 e 19 de novembro.

Entre os principais líderes europeos, faltarán a presidenta da Comisión Europea Úrsula von der Leyen, concentrada na posta en marcha do seu novo gabinete, o presidente francés Emmanuel Macron, inmerso nunha longa crise política e social no seu país, e o chanceler federal alemán Olaf Scholz, que viu roto o seu goberno de coalición hai uns días e se enfronta a un adianto electoral.

Si que estará o presidente do Goberno español Pedro Sánchez, que suspendeu a súa participación noutros foros internacionais, incluído o Cumio Iberoamericano no Ecuador, debido á complicada situación que sofre a Comunidade Valenciana. Con todo, mantivo a viaxe a Bakú e intervirá mañá martes no plenario da COP por ser o principal foro multilateral onde se adoptan decisións globais na loita contra o cambio climático, que o xefe do executivo español vinculou coa dana causante de máis de 200 mortos, un número indeterminado de desaparecidos e graves danos económicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade