Bota a andar o Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia
Bota a andar o Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia
Emitirá informes dos custos medios de produción no sector primario galego
O obxectivo desta ferramenta é evitar que os produtores vendan a perdas
A Lei da cadea alimentaria prohibe que os gandeiros vendan por baixo do que lles custa producir, pero na práctica era difícil que esta norma se cumprise, xa que faltaban ferramentas que medisen de xeito oficial, e por comunidades, cal era ese custo medio de produción.
O conselleiro do Medio Rural, José González, explica que "co novo Observatorio da Cadea Alimentaria de Galicia seremos capaces de emitir informes que determinen os custos e fagan que se cumpra a prohibición de venda a perdas".
O observatorio fará as contas do que custa producir nas granxas e a axencia de control, AICA, de próxima creación en Galicia, encargarase de sancionar a quen non pague prezos xustos.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, agarda que deste xeito "non poda haber leite en Galicia por baixo dos 40 céntimos, tal e como pasa agora no 85 % dos casos, nin becerros de carne por baixo dos sete euros que son os custos que estamos tendo".
O obxectivo final é actuar sobre unha práctica ilegal, a venda a perdas, que está a desangrar a economía de moitas ganderías especialmente pola suba dos combustibles, a enerxía e os pensos dos últimos meses.