Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas anuncia un investimento de 200.000 millóns de euros para a IA

Bruxelas anuncia un investimento de 200.000 millóns de euros para a IA

Os cartos sumaranse aos 150.000 millóns comprometidos por un grupo de empresas europeas

Sesión plenaria do Cumio de Acción sobre Intelixencia Artificial (IA) no Grand Palais de París, Francia, o 11 de febreiro de 2025. (REUTERS/Benoit Tessier) Sesión plenaria do Cumio de Acción sobre Intelixencia Artificial (IA) no Grand Palais de París, Francia, o 11 de febreiro de 2025. (REUTERS/Benoit Tessier)
G24.gal 11/02/2025 14:43

A Unión Europea vai mobilizar 200.000 millóns de euros para a intelixencia artificial (IA) coa achega de diñeiro público que se sumará aos 150.000 millóns comprometidos por un grupo de empresas europeas.

Na intervención da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, na última xornada do cume sobre a intelixencia artificial de París, explicou que a Iniciativa Europea de Investimentos completará con 50.000 millóns os investimentos das máis de 60 compañías que lanzaron a Iniciativa Europea de Campións da IA.

The AI race is just beginning.

Building on the European AI Champions initiative, I’m glad to announce InvestAI 🇪🇺

We aim to mobilise €200 billion in AI investments in Europe ↓ https://t.co/PaLTUDsVpm

— Ursula von der Leyen (@vonderleyen) February 11, 2025

"O poder computacional require un capital financeiro substancial inmediato", destacou Von der Leyen para xustificar esta achega masiva de diñeiro público.

Este paquete de 200.000 millóns de euros para a IA inclúe un novo fondo europeo de 20.000 millóns para xigafactorías que servirá para a construción de catro na Unión Europea e que estarán especializadas no adestramento de futuros modelos que requiren unha infraestrutura informática maior para lograr avances en dominios específicos como a medicina ou a ciencia e contará cuns 100.000 chips de última xeración.

Von der Leyen esforzouse en desmentir a idea de que a Unión Europea xa perdeu a carreira pola IA que lidera Estados Unidos e dixo que queren “que Europa sexa un dos continentes líderes en IA", pero non replicando o que fan as outras grandes potencias, senón co seu "propio enfoque".

"Non estou de acordo, porque esa carreira non fixo máis que comezar", sinalou.

Tamén defendeu unha IA europea que se asente no código aberto porque iso permite "avanzar moito máis rápido" que cando é propiedade exclusiva dunha empresa, por iso sinalou que o obxectivo é que todas as empresas teñan acceso á potencia de cálculo que necesitan para poñer en práctica os seus proxectos.

Lembrou que nuns meses lograron lanzarse 12 factorías de IA cun investimento de 10.000 millóns de euros, das cales 7 están xa en funcionamento e as outras cinco en construción.

Por outra parte, a presidenta do Banco Europeo de Investimentos (BEI), Nadia Calviño, alegrouse da iniciativa conxunta do organismo que dirixe coa Comisión Europea para poñer diñeiro público na intelixencia artificial, "un motor clave da innovación e a produtividade en Europa". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade