Bruxelas propón DNI e pasaporte dixital para ter viaxes máis fluidas entre países Schengen
Bruxelas propón DNI e pasaporte dixital para ter viaxes máis fluidas entre países Schengen
A Comisión Europea cre que estes documentos dixitais permitirían reducir a burocracia e facilitar os controis
Propón unha aplicación bautizada como EU Digital Travel na que o usuario poida crear e almacenar eses documentos de viaxe dixitalizados, por exemplo, no seu teléfono móbil
A Comisión Europea pediu este martes que os cidadáns residentes na Unión Europea poidan contar cunha versión dixitalizada dos seus documentos de identidade e pasaporte que sexan recoñecidos cando se desprazan polo espazo sen fronteiras Schengen, co obxecto de favorecer desprazamentos "máis fluídos e seguros" ao reducir a burocracia e facilitar os controis.
Para iso, Bruxelas expón a necesidade de crear un marco común para o uso de credenciais de viaxe electrónicas e o desenvolvemento dunha aplicación bautizada como EU Digital Travel na que o usuario poida crear e almacenar eses documentos de viaxe dixitalizados, por exemplo, no seu teléfono móbil.
A proposta comunitaria deixa claro que sería un sistema voluntario e gratuíto que ofreza unha "copia dixital" dos datos almacenados xa no chip dos documentos de identidade ou pasaporte, por exemplo a fotografía do titular, pero non datos biométricos, como a pegada dixital.
Segundo datos do Executivo comunitario, o pasado ano rexistráronse preto de 600 millóns de cruces fronteirizos dentro do espazo Schengen, nun contexto en que os controis de documentación deben realizarse fisicamente nos puntos fronteirizos. Por iso, insisten os servizos comunitarios, contar con versións dixitalizadas destes documentos permitiría axilizar enormemente tanto o paso dos cidadáns como o control dos datos destes viaxeiros.
Sobre o desenvolvemento da aplicación, Bruxelas adianta que permitirá verificar a autenticidade e integridade do documento de viaxe e comparar a imaxe facial do usuario coa fotografía almacenada no chip do documento oficial.
Ademais, o titular poderá recibir unha copia dixitalizada cando reciba un novo pasaporte ou carné de identidade e poderá transmitir os datos ás autoridades fronteirizas competentes por adiantado para facilitar os controis e recibir autorización de entrada antes da súa chegada.
En todo caso, antes de que esta proposta poida facerse realidade é necesario que os Vinte e sete e o Parlamento Europeo negocien a forma definitiva da norma e adopte posteriormente a súa versión final.