Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas eleva a previsión de crecemento de España ao 3 % para 2024 e ao 2,3 % en 2025

Bruxelas eleva a previsión de crecemento de España ao 3 % para 2024 e ao 2,3 % en 2025

As previsións da Comisión Europea son máis optimistas para este ano que as do Goberno, que prevé un avance do PIB do 2,7 %

Bruxelas prevé que España cumpra cos obxectivos de déficit, pero avisa que as proxeccións non tiveron en conta o gasto que haberá que realizar "para abordar o impacto das recentes inundacións na Comunidade Valenciana"

 

G24.gal 15/11/2024 11:00

A Comisión Europea mellorou este venres as súas previsións de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) de España en nove décimas para 2024, ata o 3 %, e en catro décimas para 2025, ata o 2,3 %, en comparación coas súas estimacións do pasado maio. Sitúana como a segunda economía que máis crecerá na eurozona, por detrás de Croacia. 

Bruxelas mantén a súa proxección de que España reducirá o seu déficit público ata o 3 % do PIB este ano, cumprindo co límite que marcan as regras fiscais europeas. A débeda pública reducirase case tres puntos en 2024, ata o 102,3 %, a inflación baixará ata o 2,8 % debido á rebaixa dos prezos da enerxía e os alimentos e o desemprego caerá ata o 11,5 %. 

As previsións de Bruxelas son máis optimistas para este ano e o próximo que as do Goberno, que prevé un avance do PIB do 2,7 % e do 2,4 %, respectivamente, pero lixeiramente inferiores ao 2,2 % que o Executivo proxecta para 2026.

As previsións de Bruxelas non teñen en conta o impacto da DINA

A Comisión Europea atribúe o crecemento en 2024 a un "alto" efecto arrastre de 2023, sumado á evolución positiva do consumo e un turismo "boiante"; e prevé que a expansión continúe nos dous próximos exercicios apoiada sobre todo na demanda interna pola implementación "máis robusta" do plan de recuperación.

Bruxelas prevé que España cumpra o seu obxectivo de reducir o déficit público en cinco décimas este ano pero avisa de que "os riscos para as proxeccións están ligados ao alcance do gasto financiado a nivel nacional necesario para abordar o impacto das recentes inundacións na Comunidade Valenciana", que non ten en conta este informe porque a data de corte é o 31 de outubro.

O Goberno anunciou axudas por valor de 14.400 millóns de euros que poderían ter un impacto sobre a evolución do déficit.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade