A Junta de Andalucía suspende as clases para 95.000 alumnos en Huelva pola DINA
A Junta de Andalucía suspende as clases para 95.000 alumnos en Huelva pola DINA
A Axencia Estatal de Meteoroloxía ten activo entre as 05:00 e as 15:00 o aviso laranxa en varias zonas da provincia andaluza
A Junta de Andalucía suspendeu para este venres a actividade para 95.000 alumnos de 402 centros educativos das comarcas do Andévalo, o Condado e litoral da provincia de Huelva ante o aumento da severidade do aviso laranxa por choivas.
Esta decisión, segundo informou esta madrugada a dirección do Plan de Emerxencia ante o Risco de Inundacións en Andalucía, afecta tamén a centros de día, dependentes e de persoas con discapacidade.
A evolución das previsións, que nas últimas horas apuntan a un previsible agravamento do aviso meteorolóxico, expoñen un risco maior do estimado inicialmente, engade Emerxencias.
Esta disposición de última hora tomouse para minimizar riscos e tendo en consideración a seguridade das familias, segundo a mesma fonte.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía ten activo entre as 05:00 e as 15:00 horas o aviso laranxa, risco importante, no Andévalo, Condado e Litoral, precisa o servizo de Emerxencias andaluz.
A decisión chega poucas horas despois de que se acordase a continuación das clases nas cinco provincias nas que estaban suspendidas: Málaga, Granada, Cádiz, Sevilla e Huelva.
Pola súa banda, a reitora da Universidade de Huelva María Antonia Peña revogou a súa decisión de retomar as clases este venres tras consultar as autoridades competentes, despois de que ás 00:40 se recibise da Delegación do Goberno da Junta de Andalucía a recomendación de suspender as actividades de todos os seus centros.
Por tanto, prorrógase a suspensión de toda a actividade universitaria; ademais, a reitora recomenda, ante o comportamento moi cambiante das previsións, que se siga mantendo moita cautela e se eviten os desprazamentos por estrada.
Desta forma, serán dous días consecutivos os que se manteñan suspendidas as clases nos municipios destas zonas.