Publicador de contidos
Publicador de contidos

Bruxelas propón que desde os 17 anos se poida aprender a conducir indo acompañado

Bruxelas propón que desde os 17 anos se poida aprender a conducir indo acompañado

A Comisión Europea impulsa unha serie de medidas para reducir as mortes en accidentes

O Executivo comunitario propón un período de "tolerancia cero" co alcol entre os novos condutores, que a retirada do carné sexa aplicable en todos os estados, un maior intercambio de información entre países e a creación do permiso de conducir dixital

G24.gal 01/03/2023 12:17

A Comisión Europea (CE) presentou este mércores unha proposta para actualizar as regras para sacar o carné de conducir na UE. A iniciativa contempla, entre outras ideas, que unha persoa poida aprender a conducir coches e camións desde os 17 anos se vai acompañado dun condutor de máis de 25 e con 5 de permiso.

A medida xa se aplica en países como Alemaña ou Austria, e quere facilitar que os condutores gañen experiencia circulando. Aplicaríase a vehículos de categoría B (coches e furgonetas) e tamén de categoría C (camións) para facilitar o acceso á profesión de condutor a xente nova.

A iniciativa forma parte dunha batería de propostas lexislativas que buscan contribuír ao obxectivo de eliminar as mortes por accidentes de tráfico na UE en 2050.

O Executivo comunitario avoga, ademais, por adaptar os exames para que os futuros condutores estean mellor preparados ante a presenza de usuarios vulnerables como peóns e ciclistas, cada vez máis frecuentes na transición cara a unha mobilidade urbana máis sostible.

A Comisión desprega esa e outras medidas en tres propostas lexislativas que terán que negociarse cos Estados membros a través do Consello da UE e co Parlamento Europeo.

O alcol e os novos condutores

Expón tamén establecer un período de "tolerancia cero" co alcol entre os novos condutores ata que teñan polo menos dous anos de experiencia rodada.

Os mozos representan só ao 8 % do condutores pero supoñen o 16 % dos 20.000 falecidos en accidentes de tráfico cada ano na UE.

A Comisión, con todo, non propón unha harmonización dos límites de alcol en sangue en toda a UE, xa que non ten competencias para iso.

Intercambio de información entre países

A Comisión quere ademais que a retirada do permiso de conducir nun Estado membro supoña que automaticamente que esa persoa non poida conducir en ningún país da Unión Europea.

Segundo as normas actuais, cando unha infracción grave dá lugar a unha inhabilitación para conducir, esa penalización non pode executarse en toda a UE se o condutor cometeu a infracción nun Estado membro distinto do que expediu o seu permiso de condución.

Nesa mesma liña, a CE propón tamén reforzar os procedementos para o intercambio de información sobre seguridade viaria entre os Estados membros.

Actualmente, o 40 % das infraccións de tráfico cometidas nun Estado membro distinto ao que se reside arquívanse, ben porque non se pode identificar o condutor ou procesar o pago e a Comisión quere corrixir esa lagoa.

O Executivo comunitario quere que a lexislación actual sobre información transfronteiriza, que inclúe infraccións como exceso de velocidade ou condución baixo os efectos das drogas, se estenda tamén a casos de condución sen manter distancia de seguridade, adiantamento perigoso, condución en sentido contrario ou usar vehículos sobrecargados.

A Comisión quere crear ademais unha versión dixital europea do permiso de conducir, que sería o primeiro do seu tipo no mundo e que facilitaría tamén que cidadáns de fóra da UE puidesen validar os seus permisos estranxeiros en territorio comunitario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade