Cabo fai pleno no campionato galego de traiñeiras
Gañou tanto na categoría masculina como na feminina cunha grande autoridade
Pleno de triunfos de Cabo da Cruz no campionato galego de traiñeiras. Impúxose tanto na categoría feminina como na masculina cunha gran autoridade demostrando ser o mellor equipo de Galicia.
Na feminina agardábase un duelo con Chapela ao igual que en toda a temporada da Liga Galega, pero o equipo de Boiro dominou coa meirande marxe de toda a temporada. Nun campo de regatas moi esixente por mor do vento dominaron desde a segunda ceavoga en que meteron oito segundos. As diferenzas non pararon de medrar ata os 31 segundos finais. Cabo marcou un tempo de 24:13'.
Na categoría masculina tamén había dúbidas porque viña de encadear dúas regatas en Bilbao o sábado e o domingo e un longo viaxe de volta. Malia o esforzo saíron a romper a regata desde o primeiro longo. Ares estivo preto pero fóronlle caendo dous segundos en cada un dos catro longos. Cabo gañou cun tempo de 19:56', oito segundos menos que Ares e 19 menos que Samertolameu que lle gañou a pelexa a Bueu na batalla polo podio.