Caen as temperaturas por debaixo dos cero graos na provincia de Ourense
Caen as temperaturas por debaixo dos cero graos na provincia de Ourense
Xinzo, Verín e Viana estiveron hoxe baixo cero por primeira vez desde o inverno pasado
Unha caída brusca dos termómetros propiciada polo vento do nordés
O xoves, volven subir as temperaturas
O vento do nordés, que sopra con forza desde a tarde do martes, agudiza a sensación de frío nunha comarca, a da Limia, que amenceu con trece graos menos que o domingo.
"Hoxe á mañá estaba máis frío que estes días atrás". "Na miña aldea, que está aquí preto, xa había xeo na furgoneta", sinalan dous veciños de Xinzo.
Hoxe hai poucos que se atrevan a sentar nunha terraza en Xinzo de Limia. Por primeira vez desde que rematou o verán, as temperaturas baixaron dos cero graos. Concretamente, esta madrugada houbo aquí -2 graos, a temperatura máis baixa de Galicia, quitando a alta montaña.
Pena Trevinca foi o sitio máis frío da noite, e da temporada, con catro baixo cero, un menos que en Cabeza de Manzaneda. Pero, por debaixo dos novecentos metros, á parte de Xinzo, tamén houbo rexistros negativos en Verín e en Viana.
"Porque non se pode levar unha manta eléctrica con un, que senón levábaa, evidentemente", ri un veciño de Xinzo.
A baixada das mínimas foi xeneralizada, xa desde o martes, en contraste co outono cálido e húmido que levabamos ata o momento. Mañá, iso si, está previsto que volvan subir as temperaturas.
Diego Viaño, 'O tempo': "A partir de mañá iranse recuperando pouco a pouco. A influencia do nordés aínda nos vai deixar esa sensación de frío, polo momento intenso, pero nada que ver as temperaturas coas que tivemos hoxe".
Prevese unha suba de cinco a seis graos nas mínimas e algo menos nas máximas.