Oscilacións térmicas de case vinte graos no interios de Galicia
As xeadas nocturnas e os días solleiros das últimas xornadas deixan cambios bruscos de temperatura
A cidade de Ourense roldou esta tarde os dezaoito graos, tras amencer a -1
As xeadas que pola mañá deixaban temperaturas baixo cero en toda a provincia de Ourense e o resto da Galicia interior, contrastan coas temperaturas primaverais da tarde ás beiras do río Miño.
"Está un día espléndido para tomar o sol. Nós puxémonos aí, ao lado da ponte, e a pasar a tarde", comenta unha moza.
Os termómetros roldaron na cidade os 18 graos, 19 en Leiro, e os abrigos imprescindibles pola mañá volvéronse un estorbo pola tarde.
"Temos ganas de quitar o abrigo e ir máis primaveral. Dentro dun pouquiño igual hai que poñelo, pero de momento...".
"Agora estase ben. Ata dá gusto con esta brisiña", sinalan dous paseantes sen chaqueta.
Na Limia, os termómetros non chegaron tan alto, pero tamén marcaron diferencias de máis de quince graos. En Xinzo, por exemplo, subiron pola tarde dos doce graos, fronte os menos catro que houbo de madrugada.
Coa nova semana xa empezan a subir as mínimas pero baixo a ameaza de chuvia.