O mercado de segunda man O Tinglado recala en Ferrol con éxito de participación
Promovido pola consellería de Medio Ambiente, busca implicar os concellos na implantación dun modelo de economía circular
A terceira edición desta feira, que tamén estivo en Vigo, celebrarase na Coruña o vindeiro 17 de maio
A Sala Curuxeiras do porto de Ferrol abriu as portas esta fin de semana convertida nun mercado de segunda man. Trátase dunha iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente que convida a un consumo sostible e a reutilizar produtos en desuso.
"Fantástico e moi ben ordenado. Hai un pouco de todo, roupa, bolsos, xoias. Eu xa piquei", di unha muller.
"Gústame moito", comenta outra compradora.
Eduardo atende uns clientes no posto que lle foi adxudicado de xeito gratuíto para este domingo.
"Por reciclar cousas que tes pola casa. Se podemos darlles unha segunda ou terceira vida, que mellor!", comenta.
Coma el, sesenta veciños particulares seleccionados por orde de inscrición entre máis dun cento de solicitantes intentan desfacerse de tarecos e avíos que xa non lles serven.
"Está ben isto da economía circular, e colaborar un pouco". "Paréceme moi boa iniciativa. Nos países nórdicos, que temos por moi avanzados, son moi habituais e ninguén se estraña".
"E case todo está novo, ademais, porque compramos tanto que a maioría das cousas están sen estrear"." Creo que temos que concienciarnos unha de consumir menos e outra de desfacernos de cousas que están na casa estorbando", comentan varios vendedores.
Tras o éxito en Vigo e Ferrol, haberá unha terceira edición do Tinglado. Celebrarase na Coruña o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas.