Calviño avanza que o Goberno prorrogará a rebaixa do IVE aos alimentos básicos
Calviño avanza que o Goberno prorrogará a rebaixa do IVE aos alimentos básicos
Pan, fariñas panificables, leite, queixo, ovos, froitas, verduras, hortalizas, legumes, patacas e cereais
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño, avanzou que o Goberno, na reunión do Consello de Ministros deste martes, prorrogará o decreto anticrise, que manterá a rebaixa do IVE dos alimentos básicos e as axudas ao transporte público.
"A rebaixa do IVE dos alimentos básicos e o apoio ao transporte público son dúas medidas que imos manter", asegurou a tamén titular de Transformación Dixital nunha entrevista en RNE, xa que, argumentou, os prezos dos alimentos "mantéñense por encima do razoable".
Unha vez aprobado polo Consello de Ministros, o real decreto lei deberá ser validado pola Deputación Permanente do Congreso, tendo en conta que as Cortes están disoltas polo adianto electoral.
Calviño tamén apuntou que as medidas de axuda serán cada vez máis "cirúrxicas", de aí a eliminación a finais de 2022 das axudas xerais ao combustible, sinalou.
Así mesmo, a vicepresidenta descartou estender a rebaixa do IVE á carne e o peixe, aducindo que o "conveniente" é seguir coas medidas actuais e que, ademais, "un dos prezos que baixou foi o do peixe".
Desta maneira, manterase a eliminación do IVE para alimentos de primeira necesidade (pan, fariñas panificables, leite, queixo, ovos, froitas, verduras, hortalizas, legumes, patacas, cereais) e a rebaixa do 10 ao 5 % para os aceites e a pasta.
Igualmente continuará, tal e como estaba previsto, a gratuidade dos abonos de Renfe de proximidade, rodalies e media distancia, así como do financiamento do 30 % do desconto do transporte público urbano e interurbano aos gobernos autonómicos e municipais que o complementen ata o 50 %.
Medidas hipotecarias
Ao preguntarlle sobre a proposta da vicepresidenta segunda e líder de Sumar, Yolanda Díaz, dun bono hipotecario, Calviño indicou que "a solución non pode ser dar diñeiro público para subvencionar aos bancos", en tanto que "é o que fixo o PP", e defendeu que "as medidas de apoio aos cidadáns páguenas os bancos".
A titular de Asuntos Económicos lembrou que esta semana, o xoves, reunirase coas patronais bancarias para avaliar os distintos códigos de boas prácticas, e adiantou que exporán "varias cuestións e queixas dos usuarios" para "seguir avanzando".
Sobre as medidas de alivio hipotecario, Calviño asegurou que "teñen percorrido" porque se seguirán revisando hipotecas á alza, aínda que valorou que a boa marcha do emprego e a economía pode ser unha das razóns detrás de que o número de cidadáns que se acollen ao código non estea a ser moi elevado.
Con todo, afirmou que o Goberno quere asegurarse de que o código "cubra a todos os que o necesitan", así como saber "se se están denegando solicitudes ou se son os propios cidadáns os que non o solicitan porque non o necesitan ou o consideran prexudicial".