Campaña para sensibilizar sobre as enfermidades da retina
Campaña para sensibilizar sobre as enfermidades da retina
Maiores de 55 anos, persoas diabéticas, pacientes con miopías altas e hipertensos son os que teñen máis risco
As enfermidades da retina poden desencadear, de non tratalas a tempo, unha perda severa de visión e mesmo unha cegueira
Maiores de 55 anos, persoas diabéticas e pacientes con miopías altas, tamén hipertensos... Son os que teñen máis risco de padecer problemas de retina.
Co gallo mundial do día da retina, que se celebra a próxima semana, estanse a desenvolver campañas que intentan previr o desenvolvemento destas enfermidades. Poden desencadear, de non tratalas a tempo, unha perda severa de visión e mesmo unha cegueira.
En Santiago fixeron probas diagnósticas de balde que evitan a dilatación da pupila e ofrecen imaxes de alta calidade do fondo de ollo. Cunha exploración rápida orienta os pacientes para que poidan ser diagnosticados e tratados a tempo.
Francisco Gómez-Ulla, director médico de Miranza Instituto Gómez-Ulla, explica que "ben porque xa hai unha enfermidade establecida ou ben porque hai signos precursores que advirten que se pode producir un problema na retina, como pode ser a dexeneración macular asociada á idade, como son os pacientes diabéticos que poden ter unha retinopatía diabética no fondo de ollo. E outras lesións que afectan á mácula".
Os especialistas alertan da importancia de recoñecer os síntomas dun desprendemento de retina, xa que unha intervención precoz é clave para evitar a perda de visión. Entre os signos máis comúns atópanse as moscas voantes ou miodesopsias, que se caracterizan pola aparición ou incremento súbito de manchas no campo visual.
Tamén son habituais os reflexos luminosos ou fotopsias, sobre todo cando son repetitivos e afectan ao mesmo sector da visión. Outro síntoma preocupante é a cortina escura, que vai cubrindo a visión de forma progresiva, así como a visión de imaxes distorsionadas e unha diminución da agudeza visual, especialmente cando está afectada a mácula.
Unha dieta rica en froita e verdura, evitar o tabaco e facer exercicio... canda revisións rutineiras axudan que os nosos ollos vexan mellor e durante máis anos.