Caos no Líbano logo dunha noite de ataques de Israel contra o poder financeiro de Hezbollah
Caos no Líbano logo dunha noite de ataques de Israel contra o poder financeiro de Hezbollah
Ata o momento descoñécese se estes ataques causaron vítimas
O exército israelí bombardeou máis dunha decena de sucursais de Al Qard al Hassan, organización financeira afiliada ao grupo xiíta
O exército israelí lanzou unha serie de ataques contra máis dunha decena de sucursais de Al Qard al Hassan, organización financeira afiliada ao grupo xiíta libanés Hezbollah, en distintos puntos do Líbano, incluídos os suburbios meridionais de Beirut e moi preto do aeroporto, o cal provocou pánico entre a poboación.
"O número de ataques nos suburbios do sur de Beirut ascendeu a 11, incluído un na sucursal de Al Qard al Hassan, preto do aeroporto internacional Rafik Hariri", o único aeroporto do país, informou a Axencia Nacional de Noticias libanesa (ANN).
"Pánico xeneralizado tras as novas ordes de evacuación. Unha breve xanela para escapar a un lugar seguro. Intensas explosións reverberan no ceo nocturno. O Líbano sofre cada día máis. Pero mesmo no medio da escalada de violencia, segue habendo solucións. Oxalá se aproveitasen as oportunidades", indicou na súa conta oficial de X a coordinadora especial da ONU para o Líbano, Jeanine Hennis-Plasschaert.
Widespread panic after new evacuation orders. A brief window to escape to safety. Intense blasts reverberate across the night sky. With each day, Lebanon suffers more. But even amid the escalating violence, solutions remain available. If only opportunities would be seized.
— Jeanine Hennis (@JeanineHennis) October 20, 2024
Ademais dos suburbios meridionais, situados a uns seis quilómetros ao sur de Beirut, a ANN sinalou que houbo outros ataques en Baalbek, Hermel e Rayak, no leste do Líbano, mentres que na cidade costeira de Sidón o pánico no interior dunha escola convertida en refuxio preto dunha sucursal fixo que os residentes desprazados saísen a fume de carozo en busca de seguridade, concretamente dirixíndose ao paseo marítimo.
O Ministerio de Saúde Pública libanés indicou nun comunicado que trasladaron os pacientes do Hospital de Baalbek a cuartos máis seguros ca os que daban á sucursal de Al Qard al Hassan, contigua ao hospital, ante os avisos de evacuación do exército israelí.
O portavoz en árabe do exército israelí Avichay Adree avisou pouco antes do inicio dos ataques de que empezarían a atacar "infraestruturas" onde se centra o "poder económico" de Hezbollah, apoiado por Irán.
Ata o momento descoñécese se estes ataques causaron vítimas.
Esta acción prodúcese antes da prevista chegada do enviado da Casa Branca e mediador para o conflito entre Israel e o Líbano Amos Hochstein.
Al Qard al Hassan (o préstamo benévolo, en árabe), organización sen ánimo de lucro, sancionada polos Estados Unidos e Arabia Saudita, presta servizos financeiros, concretamente microcréditos sen interese, e os seus fins son sociais.
Moitas persoas sen estar afiliadas ao partido no Líbano, que vive unha perentoria crise desde 2019, usaron esta organización para contar con apoio económico nun país cuxas institucións, tanto estatais coma económicas, provén escasos ou nulos servizos á poboación.