Carlos III réndelle tributo á memoria e á fe de súa nai na primeira mensaxe de Nadal
Carlos III réndelle tributo á memoria e á fe de súa nai na primeira mensaxe de Nadal
O monarca do Reino Unido lembrou a crenza "na luz da fe" da raíña e as mensaxes de apoio recibidos por el coincidindo coa chegada ao trono
Ademais, tivo palabras especiais para as vítimas da crise económica e para a solidariedade dos que están a axudar os menos favorecidos
Carlos III ofreceu o seu primeiro discurso de Nadal como monarca do Reino Unido desde a capela do castelo de Windsor na que están enterrados os seus país. A memoria da raíña falecida estivo omnipresente. De Isabel II dixo, a propósito destas datas, que a súa fe era a de quen buscaba a luz entre a escuridade.
"A crenza da miña nai no poder desa luz era unha parte esencial da súa fe en Deus, pero tamén da súa fe nas persoas. É unha fe que comparto con todo o meu corazón", asegurou o monarca.
Tivo palabras de agradecemento para as cartas e mensaxes "profundamente conmovedoras" -dixo- recibidas por el e pola súa muller con motivo do acceso ao trono, e tamén pola simpatía amosada cara á familia real.
Unha parte do discurso centrouse no sufrimento das vítimas da crise económica. Nese sentido, gabou o esforzo das organizacións benéficas e das persoas que dan "alimentos, doazóns" e o seu tempo para apoiar os máis necesitados. Manifestou que "unha solidariedade tan sincera é a expresión máis inspiradora" do amor aos demais.
Botando a vista atrás, lembrou a súa visita a Belén e á igrexa da Natividade. Dixo que para el significou máis do que se pode explicar con palabras, e engadiu que o poder da luz do Nadal "vai máis alá dos limites da fe" e das crenzas concretas".