Cataluña declara a emerxencia por seca para preto de seis millóns de persoas
Cataluña declara a emerxencia por seca para preto de seis millóns de persoas
Veranse afectados 202 municipios que estaban en preemerxencia, incluídas Barcelona e Xirona coas súas áreas metropolitinas
A medida contempla restrición de auga para o consumo e para hixiene e a prohibición da rega en xardíns botánicos
A Generalitat declarou este xoves a emerxencia por seca en Barcelona e a súa área metropolitana e en Xirona e a súa contorna, ante a situación dos encoros que abastecen estas zonas pola falta de choivas, e veranse afectados 202 municipios que estaban en preemerxencia, e que suman 5,9 millóns de habitantes.
Anunciárono o presidente Pere Aragonès e o conselleiro de Acción Climática, David Mascort, en conferencia de prensa tras a reunión extraordinaria da Comisión Interdepartamental da Seca, onde se decidiu declarar a emerxencia no sistema Ter-Llobregat despois de que as reservas destes encoros baixasen dos 100 hectómetros cúbicos, o limiar para entrar en emerxencia.
"Non nos enfrontabamos nunca unha seca tan longa desde que existen medicións de choiva. Arrastramos tres anos nos que non chove como o país necesita", xustificou Aragonès, quen defendeu o "traballo" e o "investimento" para mitigar os efectos e atrasar ata 15 meses a entrada en emerxencia.
Segundo o Plan especial de seca, a fase 1 de emerxencia limita o consumo a 200 litros por habitante e día. A medida afecta a máis de 200 municipios da área metropolitana de Barcelona e parte de Girona. Seis millóns de habitantes verán limitado o consumo de auga. Un máximo de 200 litros por persoa e día.
Redúcese o uso nun 80% o rego agrícola, nun 50 % na gandería e nun 25% na industria. Non se poderá regar con auga potable xardíns e zonas verdes, tanto públicos coma privados.
Os centros deportivos e ximnasios prepáranse para un uso responsable con duchas de máximo tres minutos e baixada de caudal por minuto.
Prohibido tamén encher piscinas. O sector turístico teme pola campaña do verán e comezan a adaptarse ao que pode vir preparando as instalacións para poder enchelas con auga de mar.
O plan ten tres fases que se irán activando sucesivamente. Segundo baixe o nivel dos encoros, medrarán as restricións.
Ante este novo escenario, o Goberno catalán pide un esforzo á cidadanía e di que incrementará a produción das desalinizadoras e investirá para incrementar a curto e medio prazo o volume de agua rexenerada.