Publicador de contidos
Publicador de contidos

Catro mortos nas inundacións no sur de Alemaña

Catro mortos nas inundacións no sur de Alemaña

As inundacións débense ás fortes choivas que azoutan a rexión desde o sábado

Un home intenta limpar a rúa en Reichertshofen, preto de Ingolstadt (Reuters/Angelika Warmuth9 Un home intenta limpar a rúa en Reichertshofen, preto de Ingolstadt (Reuters/Angelika Warmuth9
G24.gal 03/06/2024 17:03

Xa son catro as vítimas mortais nas inundacións que afectan boa parte do sur de Alemaña, despois de que os efectivos de emerxencia rescataran dun soto os corpos sen vida dun home e unha muller. 

Segundo un portavoz da xefatura da policía de Aalen, no estado de Baden-Württemberg, os corpos puideron ser rescatados despois de que os servizos de emerxencia bombearan un soto asolagado dunha casa na localidade de Schorndorf, no distrito de Rems-Murr.

Trátase das dúas primeiras vítimas mortais polas inundacións en Baden-Würrtemberg, despois de que tamén este luns os equipos de rescate atoparan nun soto nun bloque de vivendas na localidade bávara de Schrobenhausen unha muller de 43 anos que constaba como desaparecida desde o sábado pola noite.

Ademais, un bombeiro de 42 anos perdeu a vida o domingo pola noite cando envorcou o bote en que participaba nunha operación de rescate no distrito bávaro de Pfaffenhofen.

As precipitacións dos últimos días provocaron unha forte crecida do nivel de numerosos arroios e ríos, sobre todo en Baviera e Baden-Württemberg, con pobos enteiros asolagados, tamén despois de que rompesen varias presas. 

O chanceler alemán, Olaf Scholz, visitou este luns o distrito de Pfaffenhofen an der Ilm, unha das zonas afectadas, e lembrou que é a cuarta vez neste ano que viaxa para facerse unha idea da situación a unha zona que require a despregadura de equipos de emerxencia, e subliñou neste sentido a importancia de loitar contra o cambio climático provocado polo home.

A ministra alemá do Interior, Nancy Faeser, declarou pola súa banda poder observar as leccións extraídas da catástrofe rexistrada hai tres anos no val do Ahr, no estado federado de Renania-Palatinado, e que deixou 135 mortos e un desaparecido. Outras 49 persoas morreron nas inundacións en Renania do Norte-Westfalia.

Neste sentido, Faeser, que tamén viaxo xunto ao chanceler á zona afectada, sinalou que nesta ocasión a coordinación e a cooperación funcionan moito mellor que entón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade