Cear fóra da casa en Noitevella mantense á alza
Cear fóra da casa en Noitevella mantense á alza
É unha noite con clientela de perfís diversos e non toda busca só troula
Cear en fin de ano fóra da casa é xa case un clásico, nunha noite que move comensais de perfís variados: tanto familias ao completo, como parellas e grupos de amigos.
Ir de cea-baile con cotillón é unha das ofertas máis solicitadas, pero tamén hai demanda de plans máis tranquilos.
Achegámonos a un pazo próximo a Santiago, convertido hai poucos anos en hotel, onde tamén ultiman os preparativos para celebrar a Noitevella, cun menú degustación. Boa parte da súa clientela queda ademais a durmir.
"É non só recibir o ano novo nunha propiedade singular senón ao día seguinte contar con servizo de spa, ir á sauna, camiñar polos xardíns...", explica o propietario do establecemento, Daniel Alonso.
O propietario, que tamén ten restaurantes e bares en Chicago, asegura que a forma de despedir o ano aló e aquí parécense cada vez máis. Observa unha demanda igualmente crecente pero afirma que o groso das reservas chega nos últimos días.
"Este ano vivimos o mesmo alá. Hai moita demanda pero a xente está cotexando ata o último momento para avaliar as opcións", puntualiza Daniel Alonso.
Daniel Alonso apunta que ademais de dicir adeus ao ano a mesa servida, está de moda recibir o ano novo cun almorzo tardío e completo.
"Ao día seguinte celebramos un 'brunch' que empeza ao mediodía. É cada vez máis popular o 'brunch' do primeiro día do ano", afirma.
O hostaleiro confía en que van ser unhas festas boas para o sector. Polos contactos que ten con outros establecementos, calcula que as reservas rozan o 90 %.