Entran en vigor os orzamentos da Xunta, con máis de 10.000 milllones de gasto social
Entran en vigor os orzamentos da Xunta, con máis de 10.000 milllones de gasto social
O Goberno galego salienta que as contas apostan pola vivenda, cun orzamento de 221 millóns de euros
Este mércores entraron en vigor os orzamentos da comunidade autónoma de Galicia para este ano 2025 que ascenden a 13.954 millóns de euros. Os recursos orzamentarios recollen, sinala o Executivo, "o reforzo continuo e permanente do gasto social, a sanidade, a educación, as políticas sociais e o emprego".
"Para iso destínase unha cifra que supera por primeira vez os 10.000 millóns de euros ata alcanzar os 10.227 millóns, isto quere dicir que un 74 % do orzamento, tres de cada catro euros, destínanse ao coidado das persoas a través da sanidade, a educación, a política social e o emprego".
O Goberno galego insiste en que as contas apostan pola vivenda, cun orzamento de 221 millóns de euros. "E consolidan o modelo tributario galego que se caracteriza pola autonomía fiscal, a responsabilidade, que fai compatible a rebaixa da presión fiscal co reforzo dos servizos públicos, e que é sostible, xa que consolida as medidas no tempo, en función da conxuntura económica".
O Executivo galego afirma que os colectivos prioritarios para aplicar estes beneficios son as rendas medias e baixas, os menores de 36 anos, as familias numerosas e os colectivos vulnerables, "á vez que se favorece aos sectores estratéxicos da economía", apostila.