Celebridades como Nadal, Richard Gere ou Galliano visitan a sede de Inditex
A compañía organiza charlas motivacionais para o cadro de persoal
É unha imaxe da última vista que recibía Inditex esta mesma semana. A do actor Richard Gere, acompañado da súa parella, a coruñesa Alejandra Silva. Foi unha visita privada. Pero o contacto cos traballadores da compañía difundiuse de inmediato a través das redes sociais.
"Somos unha empresa que aposta polo valor das persoas", explica a presidenta de Inditex, Marta Ortega.
É a filosofía dunha empresa que dá traballo a máis de 160.000 persoas no mundo. Desde Arteixo e para todos os traballadores do grupo organízanse charlas periódicas da man de celebridades do mundo da moda ou do deporte. O deseñador John Galliano ou o deportista Rafa Nadal ofreceron esta semana as súas experiencias ao cadro de persoal.
"Son espellos de valores e de profesionalidade ao longo dos anos no que Inditex quere que os seus traballadores se miren", di Julián Rodríguez, analista económico
A presenza de celebridades en Inditex non é nova. Pero estase intensificando coa chegada de Marta Ortega á presidencia da compañía. A de Rosalía foi unha das máis mediáticas.
Nos últimos anos Zara vén reforzando o número de colaboracións coas novas xeracións do mundo da moda ou da música. Todo unido ás grandes exposicións artísticas que poñen Galicia no foco internacional.