Publicador de contidos
Publicador de contidos

Charla formativa sobre violencia de xénero e igualdade no Día Internacional da Muller

Charla formativa sobre violencia de xénero e igualdade no Día Internacional da Muller

Joshua Mateo invita a reflexionar as alumnas e alumnos dun instituto de Cambados nesta materia

Estas sesións educativas son unha ferramenta importante de prevención da violencia de xénero

Un momento da charla de Joshua Mateo ante o alumnado do IES Francisco Asorey de Camabados
G24.gal 08/03/2022 14:53

"É un día moi importante, pero debería ser o día da muller todos os días porque a muller debe ser respectada, que se diga que as mulleres son importantes porque o son persoas e deberían ter os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades que ten un home". É a reflexión de Iria alumna do IES Francisco Asorey, de 15 anos. 

Precisamente con esta premisa hoxe, no Día Internacional da Muller, no instituto de Cambados, as alumnas e alumnos puideron reflexionar nesta materia con Joshua Mateo, orfo por violencia de xénero e promotor de igualdade de xénero. "Desgraciadamente existen desigualdades aínda a día de hoxe: nas empresas, os salarios... Non é legal pero sempre se consigue a forma de facer a trampa" lamenta Joshua.

Súa nai, Sés Mateo, foi asasinada en 2017 pola súa exparella. A través do seu testemuño e das súas vivencias, o alumnado coñeceu unha parte da realidade da violencia machista.

"Estas charlas céntranse un pouco máis nun monólogo que fago e logo eles e elas poden intervir e traballar comigo", explica e resalta a importancia destas sesións educativas como ferramenta de prevención da violencia de xénero. 

Unha charla que invita as alumnas e alumnos a pensar e a saber actuar ante esta realidade, pois nelas e neles está o futuro do cambio cara á igualdade na sociedade onde as mulleres sexan libres e respectadas. 

Ao igual que o escribiu a nai de Joshua, Sés Mateo nos textos e poemas recollidos 'No camiño do vento':

"Son libre. Todo o que podo ser.

Eu poño os meus límites. Todos respectan os meus límites"

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade