Chega a Galicia o mozo ferido na explosión do hotel Saratoga en Cuba
Chega a Galicia o mozo ferido na explosión do hotel Saratoga en Cuba
Media ducia de familiares esperábano no aeroporto coruñés de Alvedro
A súa moza, Cristina López-Cerón, faleceu no sinistro ocorrido na Habana
César Román Santalla, o mozo das Pontes ferido de gravidade o pasado 6 de maio na explosión no hotel Saratoga da Habana, aterrou no aeroporto coruñés de Alvedro dez minutos antes das cinco da tarde deste luns.
Chegou en cadeira de rodas e no aeroporto estaban ao esperar media ducia de familiares.
A parella de Santalla, Cristina López-Cerón, veciña de Viveiro, foi unha das 46 persoas falecidas a raíz do tráxico accidente na illa caribeña. Malia ser veciña de Viveiro, Cristina traballaba nunha sucursal bancaria en Ortigueira e residía nas Pontes co seu mozo.
Ambos estaban de vacacións en Cuba e atopábanse no exterior do inmoble sinistrado na Habana no momento no que se produciu o suceso.
A explosión no hotel Saratoga de Cuba converteuse nunha traxedia para dous mozos galegos que acababan de chegar de vacacións á illa caribeña. A traxedia cebouse con César e Cristina. Ela morreu, el quedou ferido grave.
"Eles practicamente acababan de chegar a Cuba, levantáronse e saíron cando ocorreu iso, foi a explosión e pillounos case en primeira fila", comenta Abelardo Román, pai do rapaz ferido grave na Habana.
César regresou este luns a Galicia despois de 3 semanas ingresado no hospital Calixto García da Habana con feridas moi graves. A súa recuperación física foi máis rápida do esperado pero a psicolóxica é a que máis preocupa a familia.
"Foron bastante graves, moi graves, pero agora realmente fóra de perigo os médicos afirman que xa está, quedan, claro, ósos rotos, mazaduras, quedan bastantes feridas e sobre todo unha, pero esperemos que co tempo cure todo", explica Aberlardo Román, pai do rapaz ferido grave na Habana.
Os seus familiares agardaban con ansia e preocupación o seu regreso despois de ter que vivir na distancia esta dolorosa situación. Quixeron agradecer tamén o apoio do servizo diplomático español tras o fatídico accidente que acabou coa vida de 46 persoas.