Morren tres traballadores pola explosión nunha fábrica en Ibi, Alacant
Morren tres traballadores pola explosión nunha fábrica en Ibi, Alacant
O accidente laboral deixa seis feridos, tres deles graves
Tres persoas faleceron e outras seis quedaron feridas, tres delas graves, tras a explosión rexistrada este mércores nunha fábrica en Ibi (Alacant), segundo os primeiros datos facilitados polo Centro de Información e Coordinación de Urxencias (CICU).
O suceso, segundo as mesmas fontes, ocorreu pouco antes das 12 horas nunha fábrica situada no polígono de Alfaz pola explosión dunha caldeira do edificio pola que colapsou o teito e parte dos muros da fábrica, deixando atrapados polos entullos a varias persoas que se atopaban na nave.
Como consecuencia da explosión, parte do teito saíu despedido chegando a bater nunha nave anexa, onde se rexistraron danos materiais.
Ata o lugar desprazáronse bombeiros, Policía Local e Policía da Generalitat, mentres que o Centro de Información e Coordinación de Urxencias (Cicu) mobilizou un helicóptero medicalizado, tres unidades do Samu e catro ambulancias de Soporte Vital Básico (SVB).
Tres días de loito
O Concello de Ibi acordou declarar tres días de loito polo falecemento dos tres traballadores e gardará este xoves tres minutos de silencio, segundo informou o seu alcalde, Sergio Carrasco, quen trasladou a súa dor e pésame aos familiares das vítimas.
Os falecidos son tres homes de 22, 29 e 51 anos, o primeiro e terceiro veciños de Ibi e o segundo de Jijona.