Publicador de contidos
Publicador de contidos

O temporal de chuvia e vento deixa preto de 370 incidencias en Galicia

O temporal de chuvia e vento deixa preto de 370 incidencias en Galicia

A caída de árbores foi a máis repetida

directo Sinal en directo da cámara web da CRTVG en Baiona
G24.gal 28/03/2024 10:20 Última actualización 28/03/2024 22:04

Galicia arrancou o Xoves Santo baixo aviso laranxa en todo o litoral e amarelo por chuvias no interior de Pontevedra e Ourense. Aviso amarelo por ondas, de entre cinco e sete metros de altura e tamén por ventos. A borrasca Nelson deixou un total de 369 incidencias en Galicia.

O temporal obrigou a cancelar moitos plans de vacacións. Ante o risco de que o vento causara desprendementos de rochas e que a forte ondada provocara accidentes, o concello de Ribadeo decidiu pechar o acceso á praia das Catedrais.

Das consecuencias da alerta laranxa tampouco se libraron os que pretendían visitar o Parque Nacional das Illas Atlánticas.

"Tivemos que cancelar todas as viaxes de hoxe, de mañá parte deles. Os da Illa de Ons por exemplo", comenta Noelia Iglesias, coordinadora da navieira Mar de Ons.

Con sorte, este venres poden recuperar as viaxes a Cíes.

Na costa a alerta este venres baixará de laranxa a amarela. Con todo, mantense a recomendación de non achegarse a rompentes e cantís para evitar accidentes.

Como di unha rapaza en Baiona, "era de esperar, a verdade é que xa levabamos moitas semanas santas moi boas e xa tocaba". Outros tiran de refraneiro "Entroidos enxoitos, Pascuas molladas".

"É o tempo que temos aquí en Ponteareas, non están todos de acordo, uns queren frío, outros sol, é así...", engade outro veciño.

As vacacións serán para moitos de manta e sofá.

"Non podemos ir as procesións, haberá que ir á misa, escoitala, estar na casiña, gozar da familia e comer chocolate con churros na casa", comenta un veciño de Ponteareas; e outra rapaza teno moi claro: "Netflix, sofá e flocos de millo".

Vento, frío e moitísima chuvia. A borrasca Nelson obriga a estar tamén moi pendentes dos ríos, sobre todo en lugares coma aquí, en Ponteareas, en que onte rexistraron acumulacións de auga de case 60 litros. A previsión para hoxe e moi similar. 

Pouco queda da Praia da Freixa por mor das precipitacións acumuladas nos últimos días. A senda fluvial do río Tea é só pros mais valentes. "Outras veces hai mais xente, pero hoxe, co temporal que hai non está para nada, nin para pasear, hai que vir con botas" comenta un veciño.

Nesta primavera con sabor a xaneiro as temperaturas están a ser seis graos menos do habitual nesta época do ano.

O vento foi o causante de gran parte das incidencias rexistradas en Galicia por Nelson, o interior da provincia de Pontevedra resultou especialmente afectado pola combinación dos refachos fortes coas intensas precipitacións.

Un castiñeiro duns 50 anos desprendeuse da terra e amais de cortar este camiño en Bermés do Fondo, no concello de Lalín, tamén estragou o peche da propiedade de enfronte.

Agora están á espera de que alguén lle bote man aos cables da luz.

A caída de pólas e árbores na calzada foi unha das incidencias máis comúns polo paso de Nelson, o 112 deu conta de sesenta. O mobiliario urbano tamén deu que facer. 

Os gandeiros ademais teñen preocupación polos seus animais. Non poden botar as vacas a pacer e téñenas na corte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade