Publicador de contidos
Publicador de contidos

Chuvias intermitentes para rematar unha fin de semana que deixou 140 litros por metro cadrado en Lousame

Chuvias intermitentes para rematar unha fin de semana que deixou 140 litros por metro cadrado en Lousame

A Aemet mantén activado un aviso amarelo por vento e chuvias intensas en puntos das provincias de Pontevedra e A Coruña

As chuvias superaron os 90 litros por metro cadrado e segue activo o Plan Inungal

G24.gal 06/10/2024 13:13 Última actualización 06/10/2024 15:02

A AEMET mantén activado un aviso amarelo por vento e chuvias intensas no interior da provincia de Pontevedra e nas Rías Baixas.

O risco de desbordamento de ríos levou a activar nas últimas horas o plan Inungal, con especial atención ao río Verdugo no seu paso por Ponte Caldelas que este sábado xa rebordou.

A veciñanza está afeita ás crecidas. Con todo, malia que descendeu o caudal, ninguén baixa a garda.

"Onte chegaba case á praza, a estrada estaba tapada, pero é moi frecuente que cando chove este río suba facilmente".

"Vén potente, trae moita auga, que fai falla, pero si é certo que hai zonas que non están habilitadas para asumir tanta cantidade de auga e tes que desviar ou cambiar o rumbo".

En lugares como Cuntis esta fin de semana levan acumulados 98 litros por metro cadrado e as maiores previsións de auga son na comarca do Salnés. As fortes chuvias alternan con grandes claros que a xente aproveita para saír da casa.

"Aproveitamos agora que había un claro ata as doce ou a unha para baixar a dar un paseo, porque onte estivemos todo o día metidos na casa porque caía a de Deus. Pensabamos que ía estar todo moito peor arriba, pero non, a verdade é que está precioso".

"Seméllame imposible, a xente que non coñece isto di que como é posible que reborde o río, porque hai un alto... iso si, agora todos veñen a polas castañas".

A situación vaise complicar o vindeiro martes coa chegada dos restos do furacán Kirk que deixarán fortes ventos e chuvias intensas a partir de media tarde.

Aviso amarelo na Coruña

Ata as seis da tarde deste domingo estivemos en aviso laranxa por chuvias na provincia da Coruña, con precipitacións importantes nas Fragas do Eume, na ría de Noia e tamén na comarca de Santiago. Desta hora as precipitacións van a menos aínda que se nota xa nos caudais dos ríos a auga caída durante as últimas semanas. Durante a fin de semana a estación meteorolóxica de Lousame rexistrou 140 litros por metro cadrado.

Durante a mañá as estacións de Santa Comba, Carballo e Lousame foron as que rexistraron máis precipitacións por enriba dos 30 litros por metro cadrado. 

Coa auga que caeu durante as últimas semanas, a situación dos encoros está tamén por enriba da media dos últimos anos por estas datas. Chegan case ao 65 % da súa capacidade. No mar non hai avisos activos pero os chuvascos foron tamén intensos en toda a costa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade