Publicador de contidos
Publicador de contidos

CIG-Ensino protesta ante a Xunta para esixir menos 'ratios' e horas lectivas

CIG-Ensino protesta ante a Xunta para esixir menos 'ratios' e horas lectivas

O sindicato nacionalista pide atrasar o inicio das clases ao día 12 de setembro e recuperar o papel protagonista do profesorado de infantil

G24.gal 01/07/2022 16:34

O calendario escolar e a ratio profesor-alumno están detrás da protesta do sindicato GIG que este venres convocou fronte á Consellería de Educación. Reclaman atrasar ata o luns 12 de setembro o inicio das clases, previstas para o día 8. Tamén propoñen reducir o número de alumnos que atende cada profesor.

Ademais, a organización reclama recuperar o papel protagonista do profesorado de infantil nas decisións sobre o período de adaptación dos nenos que empezan o cole.

Foron medio cento de profesores  os que se concentraron fronte á Consellería de Educación para esixir redución de cocientes nas aulas e os horarios lectivos do profesorado, reforzar a coordinación didáctica e mellorar a atención á diversidade.

"Mudemos o rumbo. Reforcemos o profesorado" foi o lema de CIG-Ensino, que mostrou a súa "saturación", ante a "situación delicada" que atravesa a educación pública en Galicia.

Entre as medidas, piden ademais negociar un plan estratéxico de redución de cocientes en todas as etapas educativas para atender as necesidades de mellora do sistema educativo e o descenso de matrícula previsto para os próximos anos ou reforzar a todos os niveis a atención á diversidade.

Tamén esixen a recuperación da xornada escolar de 18 sesións en secundaria e réxime especial e 21 en educación infantil, primaria e especial, como xa comezaron a aplicar outros gobernos e o compromiso do Goberno autonómico de "non proceder ao peche de ningunha unidade, especialmente no medio rural, sen previa negociación coa representación sindical do profesorado e as administracións locais afectadas", ademais da redución da burocracia nos centros, cunha maior dotación de persoal administrativo.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, declarou que se están cumprindo "todos os malos presaxios" por parte dunha consellería "totalmente refractaria ás demandas do profesorado".

"O Goberno autonómico queixouse de atrasos por parte do Ministerio de Educación, pero é que tiveron tempo dabondo para redactar os decretos aquí, que están aínda sen publicar. Os de bacharelato e ESO, que son os que ten máis cambios, non van estar para o comezo do curso. Ao final imos ter que facer o de sempre e seguir polo libro", sinalou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade