Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os trens que unen Madrid co Levante circulan con normalidade tras o caos da fin de semana

Os trens que unen Madrid co Levante circulan con normalidade tras o caos da fin de semana

Tanto Adif coma o ministro de Transportes aseguran que a circulación ferroviaria entre Madrid, Valencia e Murcia está xa "normalizada"

Renfe avanza cortes no servizo a próxima fin de semana para retirar o tren descarrilado

Varias persoas con maletas accedendo á estación de tren de Chamartín (Matias Chiofalo / Europa Press)
G24.gal 21/10/2024 08:38 Última actualización 21/10/2024 14:51

Adif asegura que a circulación de trens entre Madrid e Comunidade Valenciana e Murcia recuperou a normalidade e volve estar en funcionamento a vía entre Chamartín e Atocha, pertencente ao tramo de alta velocidade, tras o caos ferroviario desta fin de semana.

Arredor de 13.700 persoas víronse afectadas polas cancelacións e modificacións de trens debido ao descarrilamento dun convoi sen pasaxeiros o sábado no túnel que une as estacións de Atocha e Chamartín.

Os traballos realizados por Adif e Renfe conclúen que a vía non afectada no túnel entre Atocha e Chamartín reúne as condicións necesarias de seguridade para que as empresas que operan neste corredor ferroviario poidan recuperar os seus traxectos con orixe e destino na estación de Chamartín. Isto supón a recuperación da operativa habitual destes trens.

"A circulación de trens na liña de alta velocidade Madrid-Levante recupera a normalidade", asegurou a compañía nunha mensaxe na rede social X.

Na mesma idea insistiu o ministro de Transportes e Mobilidade Sostible en declaracións aos xornalistas en Barcelona, onde participa nunha conferencia da Organización Marítima Internacional (OMI).

Óscar Puente dixo este luns que "a situación está normalizada" tras o descarrilamento dun tren o sábado entre as estacións madrileñas de Atocha e Chamartín.

Nunha entrevista no programa Cafè d'idees, que emiten A 2 e Radio 4 en Cataluña, o ministro declarou que unha comisión independente investigará as causas do incidente. "Non descarto nada", afirmou. Ao ser preguntado pola posibilidade dunha sabotaxe, respondeu que non sería responsable, pola súa banda, "abonar unha tese sen ter ningún elemento probatorio".

Puente negou ademais que o descarrilamento sexa consecuencia dunha "falta de investimento", aínda que recalcou que non é "nada normal" o ocorrido a fin de semana.

Renfe avisa de que haberá cortes no servizo durante a fin de semana para a retirada do tren sinistrado

O presidente de Renfe, Raül Blanco, adiantou que a próxima fin de semana haberá algúns cortes no servizo ferroviario para retirar o convoi que descarrilou o pasado sábado en Madrid e que afectou a máis de 13.700 viaxeiros durante toda a fin de semana.

Así o manifestou nunha entrevista en Onda Cero, recollida por Europa Press, na que tamén defendeu que o sucedido o sábado no túnel de alta velocidade entre Chamartín e Atocha "non é normal" e haberá que analizalo.

O accidente xa está a ser investigado pola Comisión de Accidentes Ferroviarios e céntrase nas manobras que levaron a cabo. Prevese que nos próximos días cheguen as primeiras conclusións respecto diso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade