Cociña chinesa con ópera de Sichuan na Coruña para celebrar o recén estreado novo ano de China
Entre prato e prato participan na Bian Lian, unha antiga arte dramática de cambio de máscara
A clientela deste restaurante chinés da Coruña asiste a un espectáculo de ópera de Sichuan. Entre prato e prato participan na Bian Lian, unha antiga arte dramática de cambio de máscara. Unha máxica habilidade de cambio de cara recoñecida como Patrimonio Cultural Inmaterial da China.
A dificultade para o artista é máxima. Din que para un minuto de espectáculo son precisos 10 anos de duro adestramento. Muda de máscara nun pestanexo e leva ata 12 baixo o sombreiro.
"Como moito pode estar de 18 a 25 minutos, que é o que dura a canción, porque máis tempo dificultaría a respiración do artista", explica Libao Yao, do restaurante Da Long Yi Hot Pot.
O espectáculo atrae tamén o público chinés que reside en Galicia.
Xunto á ópera, a provincia chinesa de Sichuan é coñecida pola súa gastronomía co Hot Pot como prato tradicional. "Queremos manter a nosa cultura e que a xente a vexa", din desde o restaurante. Ópera e gastronomía coas que convidan a celebrar o recentemente estreado ano novo chinés.