Colapso para solicitar a nacionalidade ao abeiro da Lei de memoria democrática
Colapso para solicitar a nacionalidade ao abeiro da Lei de memoria democrática
Abre a vía para a nacionalidade española de 300.000 descendentes de galegos no estranxeiro
Os consulados españois da Arxentina, Venezuela, O Uruguai e Cuba están saturados de traballo
Os consulados españois nos países de procedencia das peticións están estes días sobrepasados de traballo. Ademais da Arxentina e Venezuela, hai aluvión de solicitudes no Uruguai e Cuba, países destino de moita emigración galega.
Calcúlase que uns 300.000 descendentes cumpren os requisitos que fixa a lei. Neste lado do Atlántico o traballo está en rexistros civís e oficinas do Ministerio de Xustiza na procura de documentos que acrediten parentesco.
A través da Secretaría Xeral de Emigración, a Xunta ofrece un servizo para xuntar esa documentación. Unha das principais novidades é que a Lei de memoria democrática amplía as posibilidades de adquisición da nacionalidade a fillos de mulleres que a perdesen por casaren con estranxeiros.
A lei establece un prazo de dous anos, prorrogables por outro máis, para a presentación de solicitudes.
Quen se pode acoller?
Tres grupos de estranxeiros poden acollerse a esta vía de adquisición da nacionalidade española coa lei que hoxe entra en vigor. Os fillos e netos de emigrantes españois que tiveron que deixar o seu país por razóns políticas, ideolóxicas, de crenza ou identidade sexual.
Tamén os fillos de mulleres españolas que perderon a nacionalidade por casaren con estranxeiros, e, por último, os fillos de españois que adquirisen a nacionalidade por dereito de opción con esta lei e a de memoria histórica do ano 2007. A Arxentina e Venezuela son os países onde máis solicitudes se están a rexistrar.