Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a tempada de caza do xabaril, que xa está provocando danos no millo

Comeza a tempada de caza do xabaril, que xa está provocando danos no millo

As batidas autorízanse os xoves, fins de semana e festivos ata o 25 de febreiro

O xabaril pode provocar perdas duns seis millóns de euros por campaña de millo

Fernando, gandeiro de Ordes, nunha das leiras estragadas polo xabaril
G24.gal 24/08/2023 14:30

É xa case frecuente velos pola rúa, son un perigo enorme nas estradas -causan un de cada catro accidentes de tráfico en Galicia- e unha ameaza constante nos cultivos. Falamos dos xabarís. 

"Cada vez hai máis xabaril", di o secretario da Federación Galega de Caza da Coruña, Antonio del Río. "O monte trabállase menos, e refúxianse aí para criar", explica.  

Ata o 25 de febreiro de 2024, os cazadores teñen aberta a campaña para facer batidas e axudar a controlar os problemas que causa o xabaril. "Causa accidentes de tráfico e danos aos agricultores, sobre todo no millo", di Del Río.

Os danos no millo, forraxe fundamental nas granxas, son a gran preocupación dos gandeiros. Os ataques son "matemáticos, todos os anos" di Fernando Conde, propietario dunha explotación leiteira en Ordes. Explica que hai dúas épocas críticas, na sementeira e cando o millo empeza a madurar, no treito final do cultivo. "É un problema grave porque é raro ter leiras sen danos, e baixa a produción de millo", engade. 

Di Fernando que este ano a calor adiantou a maduración das espigas "mínimo 15 días", así que están no momento xusto para que as gocen os xabarís. "Entran cando o millo está máis zumarento, apetécelles máis. Tiran as canas para que as crías poidan comer o grao".

Teñen a esperanza posta na campaña de caza: en Ordes xa abateron cinco xabarís a primeira fin de semana. E iso que a calor tamén complicou as cousas. "Vai moita calor e os cans veñen de estar pechados, cando van ao monte poden padecer un golpe de calor e morrer -explica o secretario da Federación- así que temos que facer as batidas á noitiña".

E sen esta axuda, din os gandeiros que sería inviable botar millo: "Era mellor pechar a explotación", di Fernando. "Hai sitios onde xa está pasando, non poden botar millo porque o xabaril non deixa que vaia arriba". 

Dende a Federación, os cazadores lanzan un aviso: "Estamos a maioría nunha idade importante -di Antonio- coa baixa que vai haber de cazadores á volta duns anos non sei que pasará con todas estas especies".

A tempada de caza está aberta ata o 25 de febreiro e prevén unha campaña similar á pasada, cando cazaron 18.600 xabarís en Galicia

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade