Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a temporada de caza menor con 34.000 licenzas en Galicia

Comeza a temporada de caza menor con 34.000 licenzas en Galicia

A campaña rematará o 6 de xaneiro e lebre e perdiz van ter as maiores capturas

Prohíbese a caza da becacina e haberá que rexistrar os adestramentos dos cans

Andrés Pavón 12/10/2024 15:30

Perdices, coellos de monte e lebres volverán ser as pezas máis buscadas polos 34.000 cazadores galegos que van saír o monte na campaña de caza menor que se prolonga ata o 6 de xaneiro. O clima, os traballos de repoboación, a ausencia de pragas e o coidado dos montes auguran que será unha boa temporada en canto a capturas.

"En perdiz non podemos competir coas zonas cerealistas de Castela pero creo que haberá unha temporada boa e que os cazadores terán unhas prácticas responsables.", explica Luis Fidalgo, Presidente da Federación Galega de Caza.

"Perdiz haberá grazas a que as sociedades e comunidades de montes facemos moito repoboamento. E a lebre aumentou un 80 %", sinala José Manuel Blanco, da Sociedade de Caza Santa Mariña.

Cada xornada de caza pode supoñer un importante gasto para cada participante. Especialmente cando hai que desprazarse. Así, calcúlase que -como mínimo- un cazador vén gastando arredor de 2.000 euros durante a campaña, sendo o da munición o apartado que máis cartos leva.

"O que máis se leva é o calibre 12. E en municións sobre todo 34. Depende da potencia e gramaxe que se busque", é o que di Javier Fernández, de Armería Lina.

Dende 1998, o ano coa marca máis alta, o número de licenzas de caza en Galicia baixou un 68 % pasando das 108.000 que había daquela ás 34.000 actuais. O envellecemento da poboación, o despoboamento rural e -nos últimos tempos- a mala imaxe que se transmite da caza e os cazadores nalgúns medios e redes sociais están detrás deste descenso. 

"Se me guío polas redes sociais, os cazadores parecemos unha seita satánica. Pero o certo é que quen se achega a nós segue coa actividade.", reflexiona Luis E. Fidalgo.

Nunca é tarde, pois, para coñecer de primeira man unha práctica deportiva que leva con nós dende o nacemento da humanidade. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos