Comeza a caza sen límite de xabarís nos 260 municipios con emerxencia cinexética
Comeza a caza sen límite de xabarís nos 260 municipios con emerxencia cinexética
A medida afecta case o 85 % do territorio galego e estará en vigor ata o 23 de febreiro de 2023
A caza sen límite de xabarís entra en vigor este sábado, 12 de outubro, en 40 comarcas, que abarcan un total de 260 municipios -case o 85 % do territorio galego-. Esta medida da Xunta de emerxencia cinexética durará ata o 23 de febreiro de 2025.
O Goberno galego xustifica esta medida excepcional no aumento de presenza deste animal e os danos que carrexa, tanto no campo como en accidentes de tráfico.
De feito, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, falaba esta semana "dunha auténtica praga" que non se logrou conter malia abater 40.000 exemplares nos dous últimos anos.
En total, a declaración abarca 40 comarcas (13 na Coruña, 10 en Lugo, 11 en Ourense e 6 en Pontevedra) que comprenden 260 concellos e un 84,7 % da superficie total de Galicia.
Cuarta declaración
Esta é a cuarta vez (tras 2019, 2021 e 2023) que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia.
É un instrumento adicional e complementario á caza regrada, dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común, e ás actuacións de control por danos, que seguirán desenvolvéndose nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia.
En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos os dous sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade.
No 2019, a Xunta recorreu por primeira vez a esta medida en 33 concellos de catro áreas xeográficas de Galicia. Tras esta experiencia pioneira, no 2021 volveu declarar a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas e o ano pasado en 37.