Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ampla mobilización dos servizos de emerxencias galegos cara a Valencia

Ampla mobilización dos servizos de emerxencias galegos cara a Valencia

Seis membros de emerxencias de Vilagarcía, os primeiros na zona cero, destacan a solidariedade da veciñanza

Describen un panorama de desolación, un "escenario de guerra"

G24.gal 08/11/2024 14:20

"A imaxe é cando vas baixando pola autoestrada e ves tráileres, os barrancos cheos de lodo, vehículos sepultados... e despois, a entrada nas vilas", recorda Francisco Javier Bustos, o xefe do servizo de emerxencias de Vilagarcía.

Volven da zona cero, de Paiporta, Sedaví e Alfafar con esa imaxe na retina. Pero tamén con esta outra, que é das que deixa pegada.

"A min o que me desbordou foi a cantidade de xente que se volcou para poder axudar", recoñece Javier Portas, un dos axentes que participou no operativo.

"O que vías eran miles de persoas que ían cunha pá, unha escoba, un recolledor, o que tiñan", engade Alén Pérez, tamén axente de emerxencias.

Están formados en catástrofes. De feito, participaran nun curso hai apenas quince días, pero a realidade sempre supera a ficción. 

"Tiñamos unha idea do que iamos atopar pero ao chegar alí, foi peor", confesa Bustos.

"Xa non son os coches que vemos na televisión esnaquizados polas beirarrúas senón como lles quedaron as vivendas á xente... e non sabían se había xente dentro dos garaxes que estabamos achicando... toda unha situación bastante de caos", apunta Pérez.

Achicaron garaxes, limparon rúas e consolaron á xente, un esforzo físico e psicolóxico do que se senten sobradamente recompensados.

"Eles tiñan ese primeiro bocadillo e o querían compartir e dábanche a man, choraban, te abrazaban e daban as grazas por estar alí", lembra Portas.

"Lían Concello de Vilagarcía de Arousa e preguntaban onde está iso. Ao dicirlle que en Pontevedra, Galicia, dicían: 'iso está moi lonxe e estades aquí'... e entón desvivíanse", apunta o xefe do equipo.

Contan que viron os veciños con fortaleza. Outros moitos equipos galegos están agora mesmo en Valencia. Eles non descartan volver se son necesarias mans.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade