Publicador de contidos
Publicador de contidos

Así é a campaña de vacinación contra virus respiratorios, que arranca este luns

Así é a campaña de vacinación contra virus respiratorios, que arranca este luns

As persoas maiores que viven en residencias ou centros de discapacidade comezarán a recibir as vacinas contra a covid e a gripe o vindeiro luns 23 de setembro

O 7 de outubro comeza a campaña para inmunizar os nenos contra a gripe: os maiores de dous anos recibirán unha vacina intranasal

G24.gal 20/09/2024 14:16 Última actualización 20/09/2024 14:44

Co outono chega o momento de se inmunizar contra os virus respiratorios.  A vacinación contra gripe e a covid comeza xa o próximo luns e, como vén sendo habitual, farao coa inmunización das persoas maiores ingresadas en residencias e centros sociosanitarios.

Pero este ano as principais novidades están na inmunización contra a gripe da poboación infantil, onde se estrea unha vacina intranasal contra a gripe aos meniños de entre dous e cinco anos.

"Ao evitar a picada os nenos teñen menos medo e hai máis adherencia, máis seguimento da campaña; pero despois hai un tema máis científico: hai estudos que din que ao ir á mucosa esta vacina intranasal dificulta que se desenvolvan patoloxías que están relacionadas co estreptococo A, como a escarlatina, explicou Carmen Durán Parrondo, a directora xeral de Saúde Pública. 

Por baixo desa idade, desde os seis meses ata os dous anos, vaise continuar administrando unha vacina contra a gripe inxectable.

Outra novidade tamén en relación da campaña contra a gripe é que suma un novo grupo obxectivo: todo o persoal que traballa en centros de educación infantil

Sanidade insiste tamén en que os pais e nais atendan á chamada para vacinar os nenos contra o VRS, porque a vacina logra diminuír ata un 90 % a taxa de ingresos dos bebés por bronquiolite.

 "A campaña xeral comeza xa o vindeiro luns 23 de setembro e os primeiros en inmunizarse contra a covid e a gripe serán as persoas de residencias de maiores e centros de discapacidade, tanto residentes como traballadores", destacou Antonio Gómez Caamaño, o conselleiro de Sanidade
 

Cando remate esa fase comezara a vacinación a domicilio das persoas vulnerables e dos seus coidadores.

Os profesionais sanitarios incorpóranse ao calendario o 14 de outubro. E a partir de aí seguirá a vacinación por grupos de idade. Calcúlase que a finais de outubro, dependendo do envío de vacinas, podería comezar xa a dispensarse nos grandes recintos.

A vacina está indicada para maiores de 60, persoas con tratamentos inmunosupresores -e os seus conviventes-, embarazadas e profesionais dos CFSE, bombeiros ou persoal de Protección Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade