Nova etapa de convivencia coa covid-19 sen corentena para contaxiados leves
Nova etapa de convivencia coa covid-19 sen corentena para contaxiados leves
Os positivos deben seguir gardando medidas de precaución e distanciamento do resto da poboación
Maiores de 60, embarazadas e inmunodeprimidos terán supervisión médica en caso de contaxio
Acabáronse os confinamentos para pacientes leves e asintomáticos. Agora a responsabilidade de non contaxiar durante os días que dura a enfermidade é de cada quen, porque xa non teremos que estar pechados, pero é fundamental manter as precaucións, tal e como recordaba Amós García, presidente da Asociación Española de Vacunoloxía.
Deben ter a máscara incluso en exteriores e ao mesmo tempo deben ter claro que teñen que evitar aglomeracións de persoas e deben manter a distancia social os sete días que dura a corentena.
Os inmunólogos insisten en que se entra nunha nova etapa en que a poboación está máis protexida polas vacinas pero queda aínda un grupo de persoas vulnerables que debemos ter en conta.
Tendo en conta que o virus veu para quedar e que o que temos que facer é evitar as formas graves, complicadas, terribles que tivo a pandemia ata este momento, o que hai que ir facendo é introducir elementos que contribúan a xerar unha vida algo máis normal, ou máis parecida á que tiñamos antes da pandemia. Non igual, pero algo máis parecida.
E nesa vida semellante á de antes están os maiores de 60, as persoas inmunodeprimidas e as embarazadas. Para eles, as precaucións desta fase de transición non serán tan diferentes ás destes últimos tempos de pandemia.