A Xunta quere incrementar en dez puntos os estudantes formados en FP en Galicia
A Xunta quere incrementar en dez puntos os estudantes formados en FP en Galicia
Así o explicou a directora xeral de FP, María Eugenia Fernández Pérez, nunha entrevista na RG
A primeira xuntanza está orientada ó sector madeireiro e forestal
Con eles preténdese confeccionar un traxe a medida para cada sector produtivo
Bota a andar a primeira fase do programa Conecta FP Galicia coa celebración en Santiago dun encontro con representantes do sector da madeira e agroforestal. Será o primeiro dunha serie de encontros cos que a Xunta pretende poñer en contacto ó alumnado e ós formadores de FP co sector empresarial.
En total, hai programados cinco. Están orientados ó sector do metal; ó turismo, a hostalaría e as industrias alimentarias; ás enerxías renovables e os recursos naturais; e á cadea mar-industria. A directora xeral de FP, María Eugenia Fernández Pérez, explicaba no GxD da Radio Galega, que a finalidade destes encontros é adaptar o curriculum que existe na Formación Profesional ás necesidades do tecido produtivo.
"Queremos avanzar nese camiño, en facer esa formación a medida, ese traxe para cada sector que permita contar co persoal técnico necesario para traballar en industrias cada vez máis automatizadas e dixitalizadas".
Ademais destes cinco encontros sectoriais, a Xunta ten programados ata catorce encontros territoriais que buscan determinar o plan específico de actuación en cada punto de Galicia.
9.500 prazas máis nos próximos dous anos
Na actualidade, sesenta mil alumnos e alumnas galegos cursan a FP en Galicia. A Xunta pretende aumentar o número de prazas en 9.500 nos próximos dous anos para igualarnos cos países da nosa contorna.
"O noso obxectivo é incrementar nos próximos anos en dez puntos o volume de persoas formadas en FP en Galicia".
Para conseguilo, segundo a Xunta, é preciso que as empresas e as administracións traballen conxuntamente co obxectivo de evitar crear disparidades innecesarias e formar persoas naquelas especialidades máis demandadas en cada un dos sectores produtivos de Galicia.