Comisados máis de 100 quilos de navalla furtiva en Porto do Son e Outes
Comisados máis de 100 quilos de navalla furtiva en Porto do Son e Outes
As capturas ilegais foron sementadas de novo nas zonas de extracción
O Servizo Marítimo da Garda Civil da Coruña, en colaboración co Servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia, comisou 110,85 quilos de navalla e 3,45 de longueirón en dous operativos contra o furtivismo.
No porto do Freixo, no concello de Outes, efectivos de ambos os dous corpos detectaron dúas embarcacións que, ao chegar a terra, descargaron as capturas sen pasar pola lonxa e despois trasladáronas nunha furgoneta.
A Garda Civil identificou os ocupantes do vehículo e comisou dous coleiros de navalla sen precinto e dous sacos con navalla precintada, pero sen documentación, que pesaban algo máis de 74 quilos.
Operativo en Porto do Son
No peirao do Porto do Son, un pesqueiro descargou e introduciu na lonxa tres barrelos de navalla e a rula expediulle documento de orixe de dous, correspondentes á cota máxima de capturas autorizada.
Logo, o tripulante meteu os tres coleiros no seu coche particular polo que a Garda Civil identificouno e confiscoulle a mercadoría ilegal: 36,4 quilos de navalla e 3,5 de longueirón.
As capturas foron sementadas de novo nas zonas de extracción coa colaboración do Servizo de Gardacostas da Xunta.