Publicador de contidos
Publicador de contidos

Como é o sistema VioGén que protexe 5.746 mulleres en Galicia?

Como é o sistema VioGén que protexe 5.746 mulleres en Galicia?

En España, máis de 16.000 mulleres xa foron alertadas polo Sistema VioGén de que o seu agresor xa maltratara outras mulleres

O sistema VioGén leva activo desde 2007. Nestes 17 anos fixo o seguimento a máis de 817.000 casos de violencia de xénero en toda España, dos que 45.329 son galegos

G24.gal 24/11/2024 13:50 Última actualización 24/11/2024 22:56

En Galicia hai 5.746 casos activos no sistema VioGén, segundo os datos oficiais facilitados ata finais de outubro de 2024. Deles 2.631 están na Coruña, 1.754 están en Pontevedra, 802 en Lugo e 559 en Ourense.

De todos os casos identificados en Galicia, 60 teñen un nivel de risco alto, 937 medio, 2.685 baixo e 2.064 non apreciado. Non hai nestes momentos ningún caso de nivel de risco extremo, dos 31 que hai no conxunto do Estado. Ademais, do total de casos activos, 42 involucran vítimas menores de 18 anos.

O sistema VioGén leva activo en España desde 2007. Nestes 17 anos realizou seguimento de máis de 817.000 casos de violencia de xénero en todo o Estado, dos que 45.329 son galegos.

O asasinato de mulleres que estaban incluídas no sistema VioGén abriu o debate sobre a necesidade de perfeccionalo. Xa a última reforma facía fincapé en cuestións como a inactivación dos casos sen risco e tamén na necesidade de perfeccionar a valoración do risco para facela máis precisa e segura.

Os responsables de aplicar o sistema VioGén deféndeno:

"Que teña algún fallo puntual non quere dicir que o sistema non sirva, é importante dicirlles ás vítimas que non teñan medo a denunciar", salientaba Sonia Rey Salgueiro, maxistrada no Xulgado de Violencia sobre a Muller da Coruña, nunha entrevista a Europa Press.

A maxistrada salienta que o sistema leva axudado e protexido moitísimas mulleres desde que se puxo en marcha, segundo a súa experiencia e malia as deficiencias que poida ter. Engade a maxistrada que o máis importante de toda a engrenaxe non pode activarse "se non hai denuncia".

"A denuncia é o elemento sen o que non podemos actuar", insiste a maxistrada.

Sonia Rey tamén apela ao testemuño dos veciños, das testemuñas e mesmo dos axentes policiais para protexer a vítima no caso de que esta decida retirar a denuncia ou non declarar, dado que se necesita ter indicios de que ocorreu o delito para poñer medidas.

Unha avaliación de risco e un plan personalizado

A entrada no sistema VioGén dunha vítima arrinca coa denuncia dun caso. Esta denuncia non ten por que estar interposta pola vítima. Familiares, veciños, testemuñas ou os propios axentes poden denunciar episodios violentos e proporcionar os indicios de que o delito ocorreu, aínda que sexa "no ámbito privado".

O primeiro paso é determinar o nivel de risco, competencia dos axentes que instrúen dilixencias. Cos datos introducidos de cada unha das variables, o sistema VioGén asigna automaticamente un nivel de risco dos cinco existentes: non apreciado, baixo, intermedio, alto ou extremo. Estes niveis poden ser modificados polos axentes pero só á alza, e deben revisarse periodicamente con novas valoracións.

Cada un dos niveis leva aparelladas medidas policiais de protección -a maiores das xudiciais que se determinen- e as vítimas accederán tamén a un plan de protección personalizado.

Medidas policiais

No caso de nivel de risco non apreciado, o protocolo do Ministerio do Interior establece que os axentes informarán a vítima dos seus dereitos e dos recursos á súa disposición e que facilitarán recomendacións de autoprotección, así como teléfonos de emerxencia.

No nivel de risco baixo facilitaranse teléfonos de contacto 24 horas cos corpos de seguridade, e realizaranse contactos esporádicos con vítima e agresor. A vítima terá tamén información sobre o servizo de teleasistencia móbil e será derivada a servizos asistenciais.

No risco medio, os axentes realizarán unha vixilancia ocasional do domicilio e lugar de traballo da vítima, así como das entradas e saídas dos fillos do colexio, e comprobarán periodicamente que o agresor cumpre as medidas. A vítima tamén terá acompañamento policial para facer xestións e, se é necesario, recomendaráselle trasladarse a un centro de acollida.

No nivel alto, a vixilancia do domicilio, traballo e colexio será "frecuente". O protocolo tamén recolle que os axentes lle insistirán á muller sobre a conveniencia de que se traslade a un centro de acollida ou ao domicilio dun familiar.

No nivel de risco alto tamén se aposta polo seguimento do agresor por medios electrónicos, pero non de forma exclusiva, e por contactos esporádicos tamén con persoas da contorna de ambos.

Por último, o nivel de risco extremo implica a vixilancia 24 horas da vítima. Ademais, farase un "control intensivo dos movementos do agresor" e vixilancia da entrada e saída dos fillos en centros escolares.

Plan de seguridade personalizado

A maiores destas medidas xerais, cada vítima conta cun plan de seguridade personalizado e adaptado ás súas circunstancias, que terá distintos requirimentos en función do nivel de risco do caso.

As medidas recomendadas poden ir desde que as vítimas leven sempre consigo un teléfono móbil e unha lista de números de emerxencia, no caso do nivel de risco non apreciado ata que as vítimas melloren a seguridade da vivenda, que pida axuda aos veciños de confianza ou cambie de número de teléfono para os casos de niveis de risco baixo.

No nivel de risco alto, o plan de seguridade inclúe medidas como cambiar de domicilio, as rutas de ir ao traballo, ir sempre acompañada, ter preparada unha bolsa de emerxencia ou manter a diario contacto coas forzas de seguridade.

As mesmas medidas, ademais da protección 24 horas, operan para o risco extremo.

En caso de que a vítima teña fillos menores, o protocolo establece un plan de seguridade tamén para eles, que inclúe ensinarlles a poñerse en contacto coa Policía, mostrarlles un lugar seguro ao que acudir fóra do domicilio ou practicar rutas de escape no caso de que haxa situacións violentas

Máis de 16.400 vítimas xa foron alertadas de que o seu agresor xa maltratara outras mulleres

Un total de 16.400 vítimas de violencia de xénero foron avisadas de que o seu maltratador xa agredira outras mulleres e presenta un maior risco asociado tanto para ela coma para os seus fillos e fillas.

Os encargados de alertar foron os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado. Fontes do Ministerio do Interior concretan que a Policía Nacional advertiu 6.948 mulleres de que o maltratador é un agresor persistente; a Garda Civil, a 6.767; as policías locais, a 2.605; a Policía Foral de Navarra, a 13, e as unidades adscritas da Policía Nacional nas comunidades autónomas, a 67.

Foi o ano pasado cando Interior comezou a informar algunhas vítimas dos antecedentes destes agresores, un labor que se fai de forma individualizada tras avaliar que esta realidade supoña un factor de risco especial tanto para elas coma para os menores ao seu cargo.

Obxectivos do sistema VioGén

O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior púxose en funcionamento o 26 de xullo de 2007, en cumprimento la Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Segunda reza da páxina Web do Ministerio do Interior, os seus obxectivos son:

—  Aglutinar as diferentes institucións públicas que teñen competencias en materia de violencia de xénero
—  Integrar toda a información de interese que se estime necesaria
— Facer predición do risco
— Atendendo ao nivel de risco, realizar seguimento e protección das vítimas en todo o territorio nacional
— Efectuar un labor preventivo, emitindo avisos, alertas e alarmas, a través do Subsistema de Notificacións Automatizadas, cando se detecte algunha incidencia ou acontecemento que poida poñer en perigo a integridade da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar