Compostela e Ourense C. F. abren fogo na primeira rolda da Copa
Compostela e Ourense C. F. abren fogo na primeira rolda da Copa
O cadro santiagués recibe no Vero Boquete o Alavés (19:00 horas)
Os ourensáns son favoritos diante do Guijuelo, pero xogan a domicilio (20:00 horas)
Comeza o soño copeiro para os equipos galegos. Na xornada do martes dous deles sairán ao campo á procura de superar a eliminatoria. Teno moi complicado o Compostela, que se meteu na Copa logo dunha brillante Copa Federación e quere gozar do premio que é recibir na casa un equipo de Primeira División como o Alavés. Os de Permuy son conscientes de que teñen poucas posibilidades, pero tentarán apuralas ao máximo e dar unha gran sorpresa. Estarán empurrados por máis de seis mil seareiros. Agárdase unha boa entrada para ver fútbol de primeiro nivel en Santiago de Compostela.
O Ourense Club de Fútbol é o outro equipo que xoga o martes. Tócalle ir a Guijuelo, equipo de inferior categoría, pero que ten un campo moi incómodo. Os ourensáns saben perfectamente o que van atopar alí e a ambición dos salmantinos de superar a eliminatoria e que lles toque un rival de Primeira. É o desexo do Ourense, que acaba de estrear o taboleiro de vitorias na 1RFEF e quere continuar coa boa serie de resultados.