O Compostela deixa escapar a final da Copa Federación (2-1)
O Compostela deixa escapar a final da Copa Federación (2-1)
Comezou adiantándose cun gol de Antas, pero o Estremadura, de categoría inferior, conseguiu remontar
O gol da vitoria estremeña veu despois dun grave erro da defensa santiaguesa
Celebraba o título da Copa Federación o Estremadura, un histórico afundido na Terceira Federación. Lamentábase o Compostela, sobre todo o lateral Roque, dunha grande oportunidade perdida. Porque o equipo santiagués tivo de cara a posibilidade de levar o título malia xogar como visitante. Aos doce minutos Pablo Antas empurraba unha deixada de Soto.
O Estremadura fixo dous lanzamentos entre os paus en todo o partido. Os dous remataron en gol. Este de Moussa Gueye era o do empate no minuto 23. Nunha final non adoita haber moitas oportunidades e o Compostela tivo unha clarísima contra o final do primeiro tempo para poñerse outra vez por diante pero, desta volta, Santi de Prado rematou fóra.
Para entender a tristura de Roque hai que ver o segundo gol. Unha xogada na que o defensa e o porteiro Iago Domínguez non se entenden. Dese erro tirou proveito Rubén Cabeza para marcar o segundo tanto. O Estremadura soubo xogar o outro fútbol. Ese de embarrar o partido con faltas e perdas de tempo e impedir que o seu rival gozase de oportunidades. O premio pagaba a pena. Un título oficial e unha suculenta cifra de 90.000 euros que vai ao peto do cadro estremeño.