O Compostela tira proveito da mutación goleadora de Samu
O Compostela tira proveito da mutación goleadora de Samu
O mediocentro de Val do Dubra marcou unha tripla na vitoria santiaguesa (0-4) en Carballo
Rabanillo paroulle un penalti a Remeseiro con empate a cero
Na temporada que máis goles fixo Samu Rodríguez o centrocampista de Val do Dubra asinou tres. Nun só partido pasou de construtor do xogo a goleador e anotou unha tripla para darlle o triunfo ao Compostela no campo do Bergantiños (0-4).
Un resultado sorprendente se ollamos as traxectorias dos dous equipos, aínda que o cadro santiagués vén cara arriba e o carballés semella un pouco estancado despois dun inicio brillante.
Tamén é certo que o partido puido cambiar cun penalti que Rabanillo lle parou a Marcos Remeseiro co empate a cero no marcador. Cara ao final do primeiro tempo Samu marcou de chilena despois dun rexeite e na segunda metade marcou outros dous goles.
O resultado definitivo púxoo o lateral Ocaña cun gran disparo desde fóra da área que entrou por toda a escadra cando o partido entraba no tempo engadido.