Conde abre contactos para identificar "socios" da sociedade público-privada ao abeiro da futura lei de recursos naturais
Conde abre contactos para identificar "socios" da sociedade público-privada ao abeiro da futura lei de recursos naturais
Conde abre contactos para identificar "socios" da sociedade público-privada ao abeiro da futura lei de recursos naturais
O vicepresidente primeiro da Xunta di que buscan que o desenvolvemento económico-laboral de Galicia pivote no "binomio industria-sostibilidade"
Francisco Conde destaca a importancia do encontro entre o presidente da Xunta e a presidenta da Comisión Europea mañá en Bruxelas
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación Francisco Conde avanza na Radio Galega o inicio dunha rolda de contactos "cos diferentes axentes económicos e sociais" para identificar "socios doutras administracións e do eido privado" no marco da sociedade público-privada que se promoverá ao abeiro da futura nova lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, cuxa tramitación se iniciou no último Consello de Xunta. Unha norma, insistiu, que ten como obxectivo "facer que revertan" os beneficios no territorio. Segundo Conde: "Esta sociedade ten que garantir precisamente esa valorización dos recursos naturais e impulsar unha economía en que claramente ese binomio entre industria e substentabilidade se converta na idea sobre a que poidamos facer pivotar o desenvolvemento económico-laboral de Galicia".
"Imos iniciar un diálogo cos diferentes axentes económicos e sociais para identificar unha oportunidade para que se poidan integrar socios procedentes doutras administracións e tamén do eido privado. A participación final da Xunta vai responder a ese equilibrio que poida garantir que entre todos sexamos capaces de cumprir o obxectivo que ten a lei e polo tanto que poidamos garantir que somos capaces entre todos de reverter eses beneficios ao territorio".
O diálogo e a busca de achegas para "enriquecer entre todos o texto" entre axentes económicos e sociais e con expertos guiará, segundo Conde, a elaboración desta futura lei, polo que dixo que "non se trata de marcar prazos" senón de que "cando poidamos remitir o texto final ao Parlamento poidamos garantir ese maior grao de consenso posible".
Respecto ao canon para a eólica mariña, que a Xunta estuda crear ao abeiro desta futura lei, o vicepresidente Conde asegurou que a intención é que "graven as liñas de evacuación cando tocan a terra" e "o que busca é repercutir nos lugares onde se establezan estas conexións un impacto en positivo pero tamén no sector da pesca, ademais de garantir a coexistencia dos recursos, a coexistencia da actividade económica actual como é a pesca co desenvolvemento deste tipo de infraestrutura de eólica mariña offshore".
Reunión Rueda-Von der Leyen
Na véspera de que a presidenta da Comisión Europea Ursula Von der Leyen se reúna en Bruxelas co presidente da Xunta Alfonso Rueda, o vicepresidente Conde destacou, en primeiro lugar, a "importancia da reunión" porque "vai ser o primeiro presidente dunha comunidade autónoma española que manteña un encontro institucional coa máxima representante da Comisión Europea". Segundo apuntou, na axenda do presidente Rueda "figuran temas de enorme relevancia para Galicia vinculados ao futuro da pesca, á xestión dos fondos europeos e será unha oportunidade para explicar a posición que ten Galicia nestes eidos". Así mesmo respecto aos fondos europeos, segundo Conde: "Teremos a oportunidade de trasladarlle e explicarlle á presidenta da Comisión Europea que en Galicia temos ideas, que hai un plan específico e que se o Goberno nos deixa, seremos os primeiros en axudar a crear ese obxectivo da propia Comisión Europea da transformacion dixital e substentable".